A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presentou a programación organizada pola área de Cultura arredor do Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro.

Tomando como punto de partida esta data, a Vicepresidencia programará, en colaboración con concellos, asociacións e centros educativos, quince
representacións teatrais das obras “A pluma víva de Rosalía” de Os Quinquilláns, “Rosalía” de Culturactiva e “A viaxe de Rosalía” de Urdime, montaxes inspiradas na vida e obra da autora.

Tamén se promoverán vinte intervencións artísticas en espazos públicos ou xestionados por asociacións e centros educativos a cargo dos muralistas e grafiteiros Pablo Lage (Van Kraft) e Manuel Andrés Pallín
de Concepto Circo.

“Son propostas que invitan a achegarse á figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, que sitúan a esta autora cabeceira da literatura galega tamén como referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultura. Cremos que inciden nese carácter popular, festivo, e tamén reivindicativo co que se ven celebrando o Día de Rosalía desde hai unha década, co impulso do mundo da cultura e do ensino. Con este catálogo de propostas, queremos seguir involucrando ao tecido asociativo pero tamén aos concellos na revalorización da figura de Rosalía ”, explicou Maite Ferreiro.

Día de Rosalía 2020

“O ano pasado concentramos a programación no mes de febreiro pero, dada a situación sanitaria, neste edición optamos por flexibilizar o calendario e facilitar que estas actuacións e intervencións artísticas poidan realizarse ao longo do ano. A obra e a figura de Rosalía admite múltiples enfoques, polo que calquera data será boa para achegarse a ela a través destas propostas culturais”, sinalou.

Os museos agasallan as visitas cunha fror e unha ilustración sobre versos de Rosalía

O Día de Rosalía, o 24 de febreiro, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán as visitas cunha lámina deseñada pola ilustradora guitiricense Alba Nimbos, un debuxo en carbón inspirado no poema “Cando a luniña aparece” de Cantares Galegos, e unha fror natural.

As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos, seguindo un protocolo adaptado á situación sanitaria: control de temperatura, rexistro dos datos de contacto, distancia de seguridade e uso de xel hidroalcólico antes de recoller as ilustracións.

Apoio ao manifesto de AELG

A Vicepresidencia da Deputación sumarase á lectura do manifesto do Día de Rosalía da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que se celebrará ás 11.30 horas no Parque de Rosalía.