Adra Pallón finalista no "Andrei Stenin International Press Photo". Unha serie das súas fotografías sobre a exclusión social pode ser a mellor do mundo.
Hai un home espigado ataviado cunha cámara de fotos que sube e baixa polas rúas de Lugo, vai e vén polas marxes da cidade, entra e sae dos buracos negros da nosa sociedade fotografando a realidade, a verdade dos excluídos.
Este home chámase Adra Pallón, é lucense, probablemente un dos mellores fotógrafos da actualidade (e falamos a nivel mundial), e a súa serie «Lost Generation» é finalista nun dos certames de foto máis importantes do fotoxornalismo: o «Andrei Stenin International Press Photo».
Falamos con Adra sobre as súas sensacións a raíz deste logro. A serie finalista neste link do certame. En setembro coñeceremos os resultados.
Finalista nun premio de dimensión e importancia internacional. Primeiras impresións?
Frustrado e con rabia, coma sempre.
A miña teima está sempre en narrar visualmente a realidade máis próxima, esa que podo entender á perfección. Que unha fotografía resulte atractiva visualmente e que ademais conte algo é dificilísimo.
O meu soño é moi diferente ao de moitos compañeiros que falan de viaxar lonxe a facer temas. O meu sería poder traballar aquí nos medios locais pero a miña realidade é ben diferente pois sigo facendo números para ver se me chega para pagar os autónomos de cada mes e se consigo aforrar algo para producir os meus temas.
Son moi teimudo pero cada vez penso máis seriamente en marchar a probar sorte fóra de Galicia ou deixalo, porque sufro moito. Os dirixentes dos medios non teñen nin idea de fotoxornalismo pero e que a nivel estatal non hai apenas formación, fóra isto é diferente. Ogallá isto cambie algún día.
Con que traballo e de que trata o proxecto finalista?
O proxecto trata sobre a exclusión social, foi co que comecei na fotografía e co que considero que aprendín o oficio.
Parte do proxecto estivo sobre as mesas de directores de medios locais, autonómicos e nacionais, por iso digo que me sinto frustrado ao ver que agora entre varios miles de proxectos de todo o mundo sae salientado e recoñecido por persoas de moito prestixio en materia de fotoxornalismo a nivel internacional.
Considero que teño dous grandes proxectos de longo percorrido abertos o resto son series ou traballos de días ou semanas, como o que fixen en Canarias o pasado ano, a documentación da loita de Alcoa ou dos incendios de Ribas de Sil. Ninguén mercou ese material pero despois gañou algún que outro concurso.
Polo momento só recentemente a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo colaborou comigo para en parte axudarme a producir o proxecto no que estou a traballar na actualidade.
Un tarda moitos anos en facer os traballos de longo percorrido, en fotografía trabállase en certo modo dun xeito moi semellante ao cine. Existe unha prerprodución, produción e postprodución. Realmente é moito máis complexo do que un pode pensar.
No proxecto premiado teño unhas dez mil fotografías e con esas tes que montar unha narrativa visual coherente a nivel estético e de discurso, iso é moito tempo de traballo e realmente complicado porque a miña mirada foi cambiando moito durante os últimos anos.
Por que cre que se deixan fotografar os protagonistas desas fotos?
Hai cinco anos cando comezaba a vagar polas rúas de Lugo na produción do tema achegóuseme un home a primeirísima hora da mañá, eu estaba sentado agardando por terceiro día consecutivo buscando unha foto interesante para o proxecto. Ese home púxome cinco euros na man «Toma cinco euros para un café» inmediatamente eu dixen «Mire, non. Equivócase eu non vivo na rúa estou a facer un reportaxe sobre a exclusión social…».
Ese día para min foi moi importante a nivel de reflexión porque sentín que tiña que excusarme xustificando que non vivía na rúa. Ao que quero chegar con isto é que sentimos vergonza ao falar das nosas propias miserias, o sistema asegúrase de que ese sentimento exista.
Véndesenos que con esforzo podemos ser emprendedores coma Antonio Alcantara en Cuéntame, Will Smith en En Busca da Felicidade, pero a realidade é outra ben diferente. A realidade é a das películas de Agnès Varda ou Ken Loach. Vivimos na pura alienación e a pretensión da miña fotografía só intenta xerar preguntas, nunca busca dar respostas. Creo que a fotografía non é un medio que ofreza respostas.
Creo que me permiten fotografar porque antes do acto fotográfico sentimos unha irmandade, pertencemos a unha mesma clase social e sentimos problemas parecidos, somos os de abaixo.
Existen moitas persoas totalmente incomprendidas, a soidade é un tema central na miña fotografía. Iso creo que o perciben as persoas que fotografio porque me presento tal e como son, tal e como penso. Isto é difícil de explicar pero creo que é o que mellor fago no meu proceso fotográfico. Realmente se sinto empatía e interese son capaz de crear un ambiente familiar con alguén que coñecín hai cinco minutos porque ao mostrar as miñas propias miserias o fotografiado sabe que o que vou retratar é iso. Esta cuestión creo que é a máis profunda da fotografía e daría para un moitos máis cafés.
Falamos de nós mesmos ao fotografar e os retratados aceptan un pacto. Isto levaríame á ética que tanto me atormenta. Fotografío en Lugo, na miña cidade, non nun territorio lonxano do que vimos con fotos a occidente. Sempre tiven permiso, algúns retratados convértense nos meus amigos e entón chega o sufrimento. Ás veces penso que a persoa que fotografie hai catro anos igual cambiou de posición e non querría que se publicaran as fotos na actualidade. Outras veces descubro que fotografiei a persoas que actuaron con violencia nun determinado momento da súa vida. A nivel ético é súper difícil pensar o que debe ir e o que non nun discurso fotográfico, quédome coa idea de que a fotografía é a porta a xerar preguntas.
O traballo gañador elíxeo un xurado ou hai votación online?
Existen un premio do público e logo os premios relevantes que os que decide un xurado internacional. Entre o xurado atópase o subdirector de fotografía da Associated Press, o director da TASS e outros fotografos e editores de prestixio internacional.
Cal é o premio?
Se che son sincero agora mesmo non sei dicirche pola conversión a euros. Sei que hai un premio económico moi importante o «Grand Prix» e logo tres premios por categoría pero non é nada que solucione un par de meses de precariedade fotográfica. É máis o prestixio que aporta estar aí. Aquí novamente penso na ética e na precariedade…
Moitas grazas a Adra Pallón polo seu tempo e por seguir traballando arreo o seu talento.