Este venres abre o prazo de solicitude das axudas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a entidades asociativas culturais da provincia para a realización de actividades de interese cultural.

A dinamización cultural, a potenciación da historia, música, tradicións e lingua propias, así como as actividades de potenciación do patrimonio material e inmaterial configuran os fins principais para o apoio
económico desta convocatoria.

Os gastos que cubrirán estas axudas corresponderanse a aqueles derivados da contratación de persoal, seguros para o desenvolvemento das actividades, gastos de transporte, de promoción, cartelería e redes
sociais, desenvolvemento de actuacións culturais, cursos e obradoiros ou gastos de organización.

As asociacións culturais dispoñen de 10 días hábiles para tramitar a solicitude, tal e como se indica na convocatoria publicada este xoves no Boletín Oficial da Provincia. Os formularios e a información sobre a documentación que se require están dispoñibles na web
deputacionlugo.gal, no apartado “Subvencións e programas de axudas”.

A vicepresidenta, Maite Ferreiro, reiterou o apoio da institución “ás entidades culturais, que son as que dinamizan a vida das vilas e cidades, as que recuperan e conservan as nosas tradicións, as que investigan sobre o patrimonio, innovan sobre as nosas orixes e manteñen viva a nosa identidade nas múltiples formas nas que presentan o seu traballo”.

Ademais, engadiu “a vital importancia do tecido asociativo para crear comunidade nos tempos complexos que estamos a vivir, nos que xa quedou demostrado que a cultura é unha das nosas principais ferramentas de resistencia e progreso”, agradecendo “a todas as persoas que forman parte destes colectivos a súa implicación”.

Para a concesión das axudas, con importes de ata 3.000 euros,  establécense baremos obxectivos referidos a calidade do proxecto desde un punto de vista cultural, patrimonial e etnográfico, a natureza da acción, a valoración social, o grao de dispersión territorial e poboacional onde se realice a actividade, o grao de consolidación ou a viabilidade de actividade, entre outros.