Concerto das Tanxugueiras no Arde Lucus 2022. O concerto terá lugar o día 12 de xuño na Praza de Santa María.

As Tanxugueiras serán un dos pratos fortes musicais da festa do Arde Lvcvs deste ano. O concerto do trío galego, integrado por Aída Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, será o vindeiro 12 de xuño na Praza de Santa María.

“A actuación será de balde”, avanzou a rexedora Lara Méndez, que puxo en valor o traballo destas “mulleres galegas, fortes, valentes e empoderadas, que non só están a achegar a cultura galega á xente máis nova, o que permite que arraigue un sentimento de amor e respecto pola nosa identidade, senón que poñen a Galicia no mapa español e internacional”.

Méndez destacou que o talento destas artistas xa teñen a súa marca na cidade, “xa que con elas bautizamos a nova pasarela que une a trama urbana co Miño, a nosa Tanxurela, e tamén teñen unha placa co seu nome na Rúa Menorca”.