A concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, continúa coas actividades lúdicas no MIHL

A concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, continúa coas actividades lúdicas no MIHL para nenos e nenas durante os meses de verán. Segundo informou Maite Ferreiro na estrea das mesmas, “trátase dunha nova oferta para que as nenas e nenos poidan percorrer unha instalación tan singular como o MIHL”. A edil de Cultura informou que “todas as actividades se realizarán cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias para reducir os riscos de contaxio”. Cada un dos días, os tres grupos de nenas e nenos realizarán obradoiros de arqueoloxía, obradoiros artísticos e xogos populares ao aire libre.

As actividades estarán orientadas para nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, e levaranse a cabo desde o 6 de xullo até o 4 de setembro en quendas semanais que terán lugar entre as 10:30 e as 13:30. Debido á redución de aforo, só poderán participar 18 nenos e nenas por semana divididos en quendas de 6. Para solicitar unha praza, debe contactarse no teléfono 982 29 74 46. Cada alumna ou alumno só poderá solicitar unha semana, e as solicitudes para irmás e irmáns deberán remitirse no mesmo correo.

Contactarase coas familias para que acheguen a documentación precisa e formalizar a inscrición. No caso de que unha alumna ou alumno incumpra a asistencia sen xustificar, a praza será cuberta segundo a listaxe de espera que se elabore co resto de solicitudes.