Luces, sombras e flashes da cabalgata de reis de Lugo 2022 polo fotógrafo desta casa, Loopez.

Fotografías feitas escoitando en bucle o seguinte discurso:

Querida cativada lucense:
 
Estamos moi contentos de ter chegado a Lugo para compartir con vós este día, preludio dunha noite tan especial.
 
Percorremos un camiño moi (moi) longo cos nosos sacos cargados de agasallos para repartir esta noite polas vosas casas. A estrela que nos guiou ata aquí contén os vosos soños, sabedes por que? Porque a súa luz está feita da vosa bondade e da vosa inocencia.
 
É unha mágoa que non poidamos vernos de preto para que nos lembredes ao oído o que nos pedistes, pero non vos preocupedes porque recibimos todas as vosas cartas e este ano tivemos especial coidado cando preparamos os agasallos. Vimos cargados de sorpresas.
 
Xa sabedes que para ver algo hai que crer. E os Reis Magos cremos en vós, as nenas e nenos que facedes que, neste día, a xente adulta recupere un pouco desa infancia que igual teñen algo esquecida. Compartide con eles a vosa ilusión, botade a voar a imaxinación e enchede de maxia as vosas casas.
 
Sabemos que en Lugo sodes especialmente xenerosas e xenerosos, que sempre recibides e tratades ben ás persoas que, coma nós, veñen doutros lugares. Sabemos que sodes responsables, con todo, e tamén coa Natureza, non vimos lixo tirado polas rúas, nin porcalladas á beira dos fermosos ríos que rodean a cidade, o Rato e o Miño. E tamén sabemos do voso bo comportamento durante estes tempos tan complicados pero que vós facédelo doado. Por iso é unha grande satisfacción para nós chegar a Lugo! Non vedes como nos brillan os ollos de ledicia? Así que será xusto facervos felices neste día, como vós facedes felices a quen vos rodea todos os días do ano.
 
Chegamos un pouco cansos, así que viranos ben se nos deixades algo para repoñer forzas xunto aos vosos zapatos, porque a noite vai ser longa tamén para nós. Unha cousa importante: non vos deitedes tarde, que temos que comezar a repartir os agasallos moi cedo para que nos dea tempo de chegar a todas as casas.
 
E nada máis. Grazas a todas e todos por recibirnos sempre tan ben en Lugo e que se cumpran os vosos soños. Lembrade que só fai falta unha chispa de maxia para contaxiar a esperanza!
 
A Cabalgata de Reis é unha actividade promovida por Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.