ABRIL 2018 A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo; a Tenente Alcalde de Láncara, Begoña López Magdalena; a autora do libro, Rocío López Núñez, e a representante da Editorial Angels Fortune, Victoria Iglesias Castelo, presentaron este mércores na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, o libro Nunca fuimos buenos. Trátase da cuarta novela policiaca da escritora lancaresa, tras os éxitos acadados con Nunca volverás a Pikeville, Ladrona de vidas y Olvídate del Cielo, que sairá á venta o vindeiro 23 de abril na páxina web da Editorial Angels Fortune e se distribuirán en varias librerías da provincia.
López Izquierdo destacou que “é un pracer poder presentar no Pazo de San Marcos o último proxecto desta lucense que aporta un valor engadido á nosa cultura. Dende o Goberno da Deputación colaboramos na promoción e difusión de Nunca fuimos buenos, dentro da nosa aposta por apoiar e impulsar o traballo dos novos talentos cos que contamos na nosa provincia”.
López Magdalelna subliñou que “estamos moi orgullosos do traballo que desenvolve Rocío a través da literatura, pois leva o nome de Láncara alí por onde vai, converténdose nunha das principais embaixadoras da nosa terra”.
Rocío López agradeceu a colaboración da Deputación e do Concello de Láncara “dende o primeiro momento” e explicou que “é unha novela moi dinámica, cunha estrutura diferente aos anteriores traballos, coa que busco sorprender os lectores e que se poidan enganchar dende a primeira páxina”.
Nunca fuimos buenos
Ambientada en Nova York e Nova Jersey na actualidade, o novo libro de Rocío López conta a historia dunha serie de asasinatos, na que os dous protagonistas, a capitá Grace Atler e o detective Ewan Reed, terán que descubrir ao autor que está detrás destes crimes. Unha trama moi atractiva, dividida en 101 capítulos, que conta cun elenco de personaxes secundarios con moitos matices e grandes arcos de transformación.
Despois do formidable éxito alcanzado coa súa primeira novela Nunca volverás a Pikeville, Rocío López publicou unha segunda parte baixo o título de Ladrona de vidas coa que concluía a trama iniciada co seu primeiro traballo. A continuación, escribiu Olvídate del Cielo, polo de agora o seu libro máis vendido.
Sobre a autora
Rocío López naceu en Monseiro, no Concello de Láncara na provincia de Lugo en 1974. Unha infancia rodeada de libros foi o sinal máis claro do que estaría por chegar. Aínda que a súa vida profesional encamiñouse cara a outros ámbitos, sempre soubo que tarde ou cedo acabaría unida ás súas grandes preferencias: a escritura e a literatura. Esta diplomada en Educación Primaria pola Universidade de Santiago é unha verdadeira apaixonada das películas e series policíacas e de suspense, decidiu finalmente dedicar o tempo necesario para facer realidade unha das súas metas profesionais: ser escritora. Na actualidade, compaxina o seu labor coma axente cultural na editorial coa súa verdadeira paixón, a escritura.