Outubro 2019 Un Samaín arrepiantemente entretido é o que ten preparado a concellería de Xuventude para todos os lucenses destacando un rastrexo nocturno e un desfile de ánimas pola adarve da Muralla

Unha semana intensa de actividades para dinamizar a data máis sinalada do outono que se pechará o día 01 de novembro co Desfile de Ánimas polo adarve da muralla.

Os días 28 e 29 de outrubro programanse dous obradoiros, o primeiro de caracterización e o segundo de maquillaxe de efectos especiais, ámbolos dous gratuítos e dirixidos á mocidade de entre 14 e 35 anos, terán lugar de 17:00 a 21:00 horas, na Casa da Xuventude onde tamén é preciso inscribirse ate o próximo 26 de outubro.

Na noite de defuntos: un rastrexo nocturno do terror, que nesta segunda edición desenvolverase baixo o nome da “Maldición das Airas do Miño”. Nesta proba de orientación, na que só se pode contar coa axuda dun mapa e un compás, poderanse anotar maiores de idade e maiores de 16 anos se van acompañados. Organizarase en grupos de 4 a 6 persoas até completar as 60 prazas dispoñibles.  Comezará ás 21:30 horas e rematará ás 00:00 horas cunha chocolatada e os vencedores recibirán como premio unha xornada de esquí para o primeiro e material deportivo para os que queden en segundo e terceiro lugar. Para participar é imprescindible recoller a tarde anterior os dorsais, dende as 16:00 horas, na casa da Xuventude.


O día un de novembro a partir das 17:30 horas actividades na Praza da Soidade: baleirado e tallado de cabazas,  recortables e coloreables, pintado de caras con pictos galaicos, xogos e concursos de cabazas e de debuxo así como unha degustación de chocolate con churros para os asistentes.  Un intenso venres que concluirá cun Desfile de Ánimas, no que colaboran as asociacións de recreación histórica Clan de Breogán, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos, Lugdunum e Civitas Lucensis, percorrendo parte do Casco Histórico e da Muralla para, a continuación, rematar cun conxuro purificador.