www.vivalugo.es
As primeiras persoas en mercar entradas nos Codex Cinema. Entradas históricas.

Decembro 2018 Data histórica a do 06 de decembro de 2018 en Lugo grazas á apertura de portas, á estrea, dos Codex Cinema que apostan por cinema de autor, independente, de festivais…e en versión orixinal. Botou a andar a aventura de Codex Cinema co desembarco de seis filmes moi diferentes entre si pero cun punto en común: a pouca presenza que producións como estas tiñan ata agora nas salas lucenses.

A aposta dos Codex é clara:

  • «Nos nosos cinemas non queremos competir contra o resto de exhibidores que existen na cidade, senón convivir, ampliar a oferta e que todos os cinéfilos lucenses vexan representados os seus gustos nas billeteiras.
  • En Codex queremos transmitir o amor polo cinema, por experimentar os filmes desde a butaca, recuperar o idilio entre o espectador e a gran pantalla. 
  • Na nosa política de programación apostamos en primeiro lugar pola cultura do cinema de autor máis relevante internacionalmente. Un cinema que hai trinta ou corenta anos tiña un oco nas billeteiras de todas as cidades e que foi pouco a pouco esquecido e marxinado polos filmes dos grandes estudos. Os equivalentes hoxe en día a Bergman, Antonioni, Fellini, Fassbinder e outros grandes nomes das cinematografías europeas dos anos sesenta e setenta están completamente desprazados a lugares marxinais, a sesións excepcionais.
  • Apostar por un cinema español diferente
  • Queremos recuperar a cultura de ir o cinema non só a divertirse, a pasar o tempo, senón tamén a pensar, a reflexionar

Baixo estas premisas os 6 filmes elexidos para a súa apertura son:  Cold War de Pawel Pawlikowski e Lazzaro feliz, de Alice Rohrwacher. A primeira é unha intimista e elíptica obra sobre a pegada das políticas da guerra fría nunha relación amorosa entre dous músicos polacos. O filme recorre quince anos da historia de Polonia reflectindo non só os cambios nesa parella, senón tamén na cultura, nas costumes e moi especialmente na música. O filme de Rohrwacher , pola súa banda, tamén ten moita consciencia histórica: sobre os cambios producidos na sociedade capitalista actual, dos vellos modos da cultura labrega ata as esixencias conxunturais da cidade contemporánea, vista a través dos ollos dun rapaz diferente, soñador, case anxelical, enfrontado a un mundo marcado pola desconfianza e o egoísmo.

 

Ao revés que as dúas anteriores, de rigorosa estrea chega Os fantasmas de Ismael, filme dun autor chave dos últimos anos no cinema francés: Arnaud Desplechin.  Neste filme, remite a autores clásicos do cinema americano como Alfred Hitchcock e Otto Preminger, ademáis de ao seu referente principal da súa filmografía: François Truffaut. Esta intriga psicolóxica chea de aparicións fantasmais e introspeccións persoais conta coa presenza dalgúns dos mellores interpretes do país galo: Mathieu Amalric, Marion Cotillard (Óscar a Mellor Actriz por interpretar a Edith Piaf en A vie en rose) e Charlotte Gainsbourg. Ao igual que Pawlikowski, Rohrwacher ou Desplechin, outros grandes nomes e traballos do cinema actual estarán nos nosos cines nos vindeiros meses.

Outro cinema español é posible e a primeira película dentro desa filosofía que se estrea nos Codex é Con el viento, o gran debut do cinema español dos últimos anos. Unha intimista historia de mulleres (e feita por mulleres) e as tensións xeracionais que se establecen entre elas. Meritxell Colell dialoga neste filme con moitos grandes autores do cinema europeo como Roberto Rossellini ou Robert Bresson, nunha das maiores sorpresas deste ano cinematográfico. No caso de Los amores cobardes de Carmen Blanco, outro debut dunha cineasta (se cadra a revolución do cinema español sexa unha revolución femenina), parece tratarse dun filme máis humilde e sinxelo, mais esconde unha sensibilidade moi particular, que conecta coas novas xeracións, co espírito da actualidade, sen caer no sensacionalismo. Un filme de cores cálidas que non por iso descarta as traxedias as que se enfrontan os seus protagonistas, senón que as desenvolve con grande habilidade. As fermosas cancións da banda McEnroe fan o resto.

Por último, un filme que apenas reclamou a atención dos grandes medios: Á sombra de Kennedy, de Rob Reiner (A princesa prometida, Algúns homes bos), na que se recupera a esquecida figura de Lyndon B. Johnson, o presidente que tivo que facer fronte a unha sociedade que esixía cambios importantes e que estaba nunha profunda crise tras o magnicidio acometido contra John F. Kennedy. Este filme de actores (Woody Harrelson, Bill Pullman, Richard Jenkins) recolle a figura dun político tranquilo, coidadoso e traballador nun tempo, o actual, dominado pola agresividade comunicativa de Donald Trump.