Proxección especial nos cines Abella da película rodada en Lugo “La Sombra de la Ley”

Outubro 2018 A cidade acollerá o vindeiro martes, 16 de outubro, ás 20:00 nos cines de Abella, unha proxección especial de La Sombra de la Ley, unha película cun forte protagonismo lucense, pois está dirixida por Dani de la Torre, protagonizada por Luis Tosar, Lugo foi plató natural de rodaxe e contou coa colaboración do Concello e da Deputación.

O pase, contará coa presenza do director do filme, Dani de la Torre,  e Emma Lustres, da productora Vaca Films, así como parte do equipo artístico. Ademáis da Alcaldesa, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos.

 A rodaxe desenvolveuse o pasado ano en 80 decorados naturais exteriores e interiores. Arrancou en Barcelona, pero a gran parte da acción discorre en Galicia (Lugo, Pontevedra, Monforte de Lemos, A Coruña e Santiago). A filmación da película en Lugo tivo lugar na rúa Bispo Aguirre e no Círculo das Artes. O gran protagonismo de Lugo na nova película de Dani de la Torre supón unha plataforma para a promoción da cidade, ademais de situala na carteleira como localización audiovisual. Na rodaxe participaron varios titulados da Fundación TIC e tres dos alumnos da Escola de Imaxe e Son realizaron prácticas.

La Sombra de la Ley inspírase en feitos históricos e quere ser un reflexo da sociedade española de principios do século XX, representando a través das súas tramas e personaxes a vida e conflictos da época.

Ano 1921. España vive un momento axitado e caótico: son os anos do chumbo, froito dos violentos enfrontamentos rueiros entre matóns e anarquistas. O gansterismo e os negocios ilegais están instalados na sociedade. Nesta situación de disturbios e crimes, Aníbal Uriarte é un policía enviado a Barcelona para colaborar coa comisaría local de policía na detención dos culpables do roubo a un tren militar. Aníbal e as súas formas non atopan moito apoio entre os seus compañeiros e enseguida comezan os enfrontamentos e desconfianzas co inspector Rediú, un superior corrupto. Aníbal entrará en contacto non só cos baixos fondos da sociedade barcelonesa, entre eles, cun Barón alemán, un mafioso con importantes conexións, senón tamén co mundo anarquista máis radical, disposto a todo para conseguir os seus obxectivos. Alí coñecerá a Sara, unha moza loitadora e temperamental, cuxo encontro terá consecuencias inesperadas para ambos.