Cartel del documental El silencio de los otros
Dous novos filmes estarán na programación dos Codex Cinema a partir do venres 28/12. Dúas películas ben diferentes, pero coa calidade como punto en común. Por un lado, un biopic sobre unha das lendas da canción brasileira, Elis Regina; e por outro, El silencio de los otros, impresionante filme sobre a loita das vítimas do franquismo que está a ser o documental máis premiado do ano.

Decembro 2018 A tráxica e fulgurante vida de Elis Regina marcou para sempre a historia da segunda metade do século XX en Brasil. A súa impresionante voz, a contundencia das súas cancións e a súa figura como resistente fronte a autoridade quedaron marcadas con lume para varias xeracións de brasileiros. Agora, tres décadas despois da súa morte, chega este filme biográfico que trata de poñer no seu lugar a pegada vital dunha artista imprescindible.  Na vida de Elis Regina se mesturaron tanto a actividade artística como a resistencia política, a liberdade de pensamento e a loita polos seus dereitos. O filme segue o esquema habitual deste tipo de filmes, no que destaca a poderosa actuación de Andreia Horta e as xigantescas cancións da propia artista. .

De resistencia contra unha ditadura e de loita polos seus dereitos tamén entenden moito os protagonistas de El silencio de los otros, o impresionante documental que está a arrasar en toda España e que chega por fin a Lugo.  Este filme é unha historia que merece ser contada, as de milleiros de vítimas da guerra civil española, tanto das abandonadas nas cunetas de todo o país como as dos sobreviventes que nunca viron recoñecida a súa condición, apartadas e negadas da historia. Un filme valente e conmovedor que vai máis alá de posicións políticas e convértese nun documento imprescindible sobre a condición humana.

Cold War e Un asunto de familia seguirán na billeteira, xunto a novos pases de Entre dos aguas e a galega Trote.