A última montaxe do Colectivo Cultural Ollomao chega a Lugo precedida do éxito de público e da crítica durante unha intensa xira neste ano 2018.
Enciclopedia Álvarez é unha historia contada con humor sobre a educación durante o franquismo, que fará caer no esperpento aos ollos das xeracións máis novas pero traerá lembranzas do vivido por pais e avós.
A representación terá lugar o vindeiro sábado 29/12 ás 19:30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire
Decembro 2018 “Enciclopedia Álvarez” é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista. Os problemas de matemáticas aos que “lles faltan datos” ou están “mal planteados”, as preguntas de catecismo que se contestan de determinada maneira “porque lo pone el libro”, as clases de ximnasia impartidas por mutilados de guerra, as de “hogar” para as nenas a cargo de mulleres da Sección Femenina ou a visita do inspector da Falange, entre outras, poñen sobre o escenario algunhas das incoherencias máis notorias daquel sistema. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza. Unha historia que “nos fai pensar mentres escachamos coa risa” en palabra dun dos espectadores asistentes á estrea.
Este espectáculo foi galardoado co premio Conde Santo á Mellor obra e co premio Lourenzo ao Mellor Actor Protagonista no I Certame de teatro afeccionado de Lourenzá (no que tamén estivo nominada á mellor posta en escena e á mellor actriz protagonista) e cos premios á Mellor Montaxe e Mellor Actriz Protagonista nos XXI EncuentrosTeatrales de Vegadeo (Asturias). Foi tamén seleccionada para participar no IX Encontro de teatro afeccionado de Betanzos 2018, no Festival Teatrofilia de Vedra e na Mostra Internacional de teatro amador Estenarúa de Ferrol. Despois de máis de vinte representacións por toda a xeografía galega e do occidente asturiano, en moitas das cales houbo que colocar o cartel de “non hai entradas” (Betanzos, Vedra, Vegadeo, Rinlo,…), pódese considerar esta produción como un dos éxitos indiscutibles do teatro afeccionado galego desta tempada. Agora, e despois de todo este percorrido a Enciclopedia de Ollomao chega a Lugo.
“Todas as funcións son especiais, e xogar na casa soe ser a veces incluso máis “doado”, pero a última representación deste ano preséntase, cando menos, todo un reto!”, coinciden en afirmar tanto a directiva como o equipo de teatro. A entrada terá un prezo de 5 € e poderase adquirirna billeteira do Auditorio Gustavo Freire desde media hora antes do inicio da función.