Cinema social ao aire libre en Lugo: ciclo “Sen Mordazas” tódolos xoves de xullo e agosto na praciña da Canella do Hospital (calexón que une Santo Domingo co Carril do Son - detrás da Praza de Abastos) ás 22h e con entrada gratuita.

Cine en Lugo: cine ao aire libre

Xullo 2019 “Lugo Sen Mordazas” (LSM) retoma as actividades culturais para a veciñanaza na rúa para este verán dando continuidade ao ciclo de cinema que xa puxeran en marcha o ano pasado. 

De contido social, sempre cunha temática relacionada coa loita polas liberdades, terá lugar na praciña da Canella do Hospital (calexón que une Santo Domingo co Carril do Son que dá á Praza de Abastos) ás 22h, aberta a tódalas persoas que desexen achegarse a participar.

Este Ciclo de Cinema de Verán “Sen Mordazas” iniciarase este xoves 11 de xullo coa proxección da cinta árabe “A Bicicleta Verde – WAJDA”, da primeira muller árabe en dirixir unha película: Haifaa Al-Mansour. O film relata as andanzas de Wadjda, unha valente crianza de dez anos que ten que enfrontarse á patricarcal e ríxida sociedade saudí, para poder cumprir o seu soño de montar en bicicleta, un xoguete prohibido para as nenas por poñer en risco a súa honorabilidade.

Premios:

2013: Premios BAFTA: Nominada a Mellor película de fala non inglesa
2013: Premios Independent Spirit: Nominada a Mellor ópera prima
2013: Satellite Awards: Nominada a mellor película extranxeira
2013: National Board of Review (NBR): Premio á libertade de expresión
2013: Asociación de Críticos de Chicago: Nominada a Mellor película extranxeira
2013: British Independent Film Awards (BIFA): Nom. mellor película intern. independente

LUGO SEN MORDAZAS – LSM

Este movemento social, que cumpriu o pasado mes de maio un ano de vida, e xurdiu ao calor de máis de 30 colectivos sociais, culturais e políticos (tamén individualidades) como forma de resposta ao goberno local no seu intento de impoñer en Lugo unha “Ordenanza Cívica”, que acadamos tumbar dada a resposta social de loita popular, mantense en activo, pois quedan innumerables mordazas na nosa sociedade.

Unido á loita contra as mordazas e a represión, un obxectivo esencial deste movemento é o de tecer comunidade entre as veciñas de Lugo, para o que entendemos que a procura de espazos de encontro común en torno a unha actividade social e cultural que nos una, é o noso xeito de entender a participación comunitaria e a creación e fortalecemento de lazos e redes de apoio.

E parte disto pasa por recuperar as prazas para que volvan a ser punto de encontro, enchéndoas de actividades, e priorizando este modelo fronte ao modelo consumista que se materializa a través do sector da hostalería. Especialmente nos cascos antigos, onde os retratos das cidades están cada vez máis vencellados á expansión das terrazas e un lecer de consumo ligado ás mesmas. Fronte ao modelos de cidades planificadas en termos economicistas, cos custosos procesos sociais da “turistificación”, dende LSM propomos, como contrapartida, cidades pensadas para as veciñas.

Web de LSM