Actividades de todo tipo e para todas as idades nun festival gratuito que vai encher de vida a Pza da Milagrosa de Lugo.
Celebraráse coincidindo co Caudal Fest, o sábado 21 de setembro, para así denunciar o despropósito que supón este  macrofestival, ao que o Concello de Lugo destina este ano un total de 310.970 euros, nun acto de consumo esporádico, en detrimento da inversión na cultura local que mantén viva a cidade os 364 días do ano restantes .
Festival Incívico

Setembro 2019 A segunda edición do Festival Incívico que promove «Lugo Sen Mordazas»  xa ten data – sábado 21 de setembro – lugar, na Praza da Milagrosa e programa: 

11:30 Apertura do festival

11:35 Extinction Rebellion Lugo: presentación do colectivo. “Fronte á inevitable crise climática, os gobernos están a demostrar a sua pasividade. XR propón a desobediencia non violenta para que digan a verdade”.

12:30 “Saúde e redes de apoio”. Un espazo de aprendizaxe e posta en común sobre a variable social como determinante de saúde; por Lucía Cedrón e Uxía Oliveira.

13:30 Sesión Vermú con pinchada de música

14:00 Xantar Comunitario con comidas de diferentes países. Trae a túa e comparte coas demais.

16:00 “Persoas?”. Peza de teatro do Grupo de investigación teatral.

16:30 “Loitas e resistencias dende os nosos barrios”. O barrio como identidade e fronte de resistencia fronte ao hiperndividualismo e o capital. Por Lucía da Asemblea de Gamonal (Burgos).

17:45 Concerto de Fran Zélop e Bubi Vidal, integrantes do grupo Filophóbicas.

18:15 Obradoiro de rap co rapeiro lucense Beelattor.

19:00 Obradoiro de regueifa/repente.

19:45 Aulas de baile ritmo zumba, bachata e hip-hop con Ritmolugo Escuela de Baile

20:45 Música con artistas convidad@s como Pablo, Jandro e máis… Haberá micro libre para as persoas que se animen a cantar.

Terá lugar no Festival unha exposición fotografía permanente de Xosé Marra, Belén Cordero, Pedro Agrelo, David Vazq., A. Pallón, Llum A. González, Rodrigo Díaz, Nery e Alfredo Bongianni.

Tamén, de forma permanente, haberá xogos tradicionais galegos para adultos (como a chave ou os birlos), así como xogos para nenas e nenos. Incorporaremos ademais o “recuncho do dormilón” para a xente que se queira botar unha sesta na praza, acto que, coa “Ordenanza Mordaza”, querían multar con ata 750 euros.

E se tes algunha idea, proposta e queres participar, escribe un email a lugosenmordazas@riseup.net

A organización do Festival Incívico considerou o sábado 21 de setembro como data perfecta celebrar o seu festival para así denunciar o despropósito que supon o  macrofestival Caudal Fest, ao que o Concello de Lugo destina este ano un total de 310.970 euros nun acto de consumo esporádico e non continuado no ano, pois os cartos investidos neste macrofestival para o enriquecemento duns poucos vai en detrimento da inversión na cultura local que si mantén viva a cidade os 364 días do ano restantes e que deixa, a diferenza deste tipo de eventos, unha pegada non monetaria que non só debe terse en conta, senón que debe ser o piar fundamental na xestión cultural.

Fronte a este festival está o Festival Incívico. Festival cuxa primeira edición foi en 2018 como resposta á denominada “Ordenanza Mordaza”, que finalmente botaríase para atrás grazas á protesta cidadá, e que pretendía restrinxir o uso do espazo público e as actividades das artistas e dos colectivos sociais e/ou políticos na rúa.

O obxectivo do “Festival Incívico” non é outro que encher de vida as prazas, de forma non lucrativa, e organizarse cos veciños e veciñas dos barrios para facer vida en comunidade, rompendo cos esquemas do hiperindividualismo que impera na actualidade.

Por iso este ano incluen actividades de todo tipo e para todas as idades. Tamén haberá tempo para a reflexión e o debate, acerca das redes de apoio e da noción de barrio, eses focos de espazo físico e de resistencia na urbe capitalista.