Adra Pallón 33 minutos antes de saír fotografar o rural lucense. Foto: Loopez. "O importante son as súas fotos, non unha foto súa" dixo ela.

03/03 

Entrevista a Adra Pallón, fotoxornalista lucense.

O Adra Pallón é un xigante desenfocado de mirada profunda no social.

Recente gañador por segundo ano consecutivo do «Galicia en Foco», conta agora coa «Beca Joana Biarnés para Jóvenes Fotoperiodistas» de A Fundación Photographic Social Vision para poder facer o seu proxecto «Demotanasia» sobre «…os últimos do rural, a morte silenciosa dunha cultura, a súa xente e o territorio…»

Excusas para que o Loopez fale co fotógrafo lucense con máis recoñecementos internacionais da historia sobre facer fotos, proxectos fotográficos, referentes, fotos favoritas e máis… LECTURA ALTAMENTE RECOMENDABLE:

Qué te move a saír a facer fotos, en xeral?

Sempre foi, é e creo que será o compoñente social. 

Ao comezo era a a cuestión da loita social da que eu chegaba. Comecei a facer fotografías e a ver interese nela paralelamente ao movemento social máis fermoso que se deu na cidade de Lugo, Lugo sen Mordazas. Aínda a día de hoxe os días de máis nihilistas pensar nesas asambleas e nesa manifestación consigue esbozarme un sorriso no rostro. 

Esas fotos son ás que máis volvo dentro de todas as que van conformando o meu arquivo. Nese momento cargaba a fotografía coa responsabilidade utópica de xerar cambios. Creo que era moi inxenuo e non tiña un entendemento do medio fotográfico. Hoxe en día é diferente porque teño cabalgado sobre moitas das contradicións que teñen que ver coa imaxe. Non quere dicir que non as haxa pois seguro que queda moito por camiñar e aprender grazas a excusa de facer fotos. 

O da cámara é só a excusa para entrar ás realidades… Ás veces esquézome de facer as fotos.

Por qué saír a facer fotos, ao rural?

Como me pasou con todos os meus proxectos, estes foron pasando pouco a pouco polos medios e a resposta á hora de valorar a publicación era sempre a mesma, negativa. Isto ten que ver co poder que se atopa tras dos medios. Queren fotografías do Camiño de Santiago, reportaxes de emprendedores no rural, das nosas marabillosas paisaxes e tradicións… 

Pero o rural, o vivo de verdade, non é ese. Persoas maiores soas, pequenas e medianas explotacións que conseguen saír adiante grazas en parte a unha economía de autosuficiencia, comunicacións e telecomunicacións deficientes… Para ver isto só hai que saír aquí ao carón e falar coa xente.

O noso rural está cheo de oportunidades porque temos unha terra súper rica en canto a recursos pero eses recursos quérenos en mans dos de sempre, queren espoliarnos ata o vento.

Por poñer un exemplo concreto en Galicia producimos o 40% de toda do leite que precisa o estado español. Se analizas o sector industrial dende a súa recollida a situación é súper delicada pois a maior parte deste recae fóra de Galicia. Isto acontece noutros sectores coma o forestal. Sen emprego e industria non se pode fixar poboación real e apostar por un rural vivo e cunhas infraestructuras e servizos dignos.

Durante os últimos catro anos non parei de recadar testimonios e información ao respecto. Agora como fotógrafo tócame atopar as imaxes que conformen unha narrativa visual que permita narrar o que está a acontecer.

Adra Pallón. Retrato feito por Loopez extraído, co permiso do autor, do documental "De quén falamos cando falamos de Adra Pallón. Quen é o xenio trala cámara?
Qué ten unha foto para que quede nos proxectos nos que traballas, para non ser descartada?

Isto é o máis complicado de respostar.

Agora mesmo teño unhas 10.000 fotografías da temática de Demotanasia. Este ano espero xuntar outras tantas durante o transcurso da Beca Joana Biarnés. É a narrativa visual, os ritmos e as emocións as que marcan que foto entra e cal non.

Hai moitas que me gustan moito e non as consigo meter e outras que non me gustan e teñen que entrar para articular unha secuencia lóxica.

Son moitas horas pasando fotos e poñendo etiquetas de cores a cada foto, ademais de o pé de foto de cada unha desas 10000 fotografías.

Por exemplo, hoxe estamos a xoves, esta semana levo 700 Km e teño tres fotografías dignas de ser valoradas para unha edición.

Polo xeral a xente pensa que é máis doado.

Esta semana levo 700 Km e teño tres fotografías dignas de ser valoradas para unha edición.

Por Demotanasia, acabas de gañar a Beca Joana Biarnés. 

Hai catro anos que a miña maior ilusión era acadar a Beca Joana Biarnés porque che aporta todo o que precisas para materializar o proxecto: fondos para producir, asesoramento, material fotográfico, formación…

A Fundación Photographic Social Vision é, como a xente que está detrás dela, marabillosa. Atreveríame a dicir que é a Fundación que máis fai por e para a fotografía a nivel estatal.

Podes adiantarnos un pouco do que serán os teus próximos meses de traballo en Demotanasia?

Nas vindeiras semanas reunireime co titor, Juan Valbuena, unha persoa que admiro moito pola traxectoria que ten como fotógrafo e editor.

Hai moitas ideas pero tamén teño que ser realista cos tempos e traballar moi coherentemente.

Que che aporta a ti o proxecto “Demotanasia»?

Profundizar nas contradiccións e relacións que en toda familia galega existen en relación co entorno rural, pois quen máis e quen menos vén deste.

É moi doado dicir “eucaliptos non” dende o territorio urbano pero a dura realidade social e a precariedade non entenden diso. É dicir, Demotanasia permíteme entender certas posturas que antes pensaba que eran moito máis simples. Porque ao final fago fotos un 10% do tempo o resto consiste en ler, escribir e entrevistar a persoas que teñen unha relación directa co rural.

Tamén o compartir tempo con persoas marabillosas que vas coñecendo polo camiño. Ogallá tivera tempo para volver en repetidas ocasións aos lugares polos que vou pasando, non sempre é posible.

Que lle aporta ao mundo o proxecto «Demotanasia»?

Se vale para xerar debate e reflexión, entón, e só entón estará cumplindo o seu cometido.

Un par de fotografías do proxecto: 

Que equipo e obxectivos usas?

Unha ou dúas cámaras.

Un 35 mm e un 50 mm, o equipo que sexa o máis parecido ao que é a visión humana.

Nunca tiven un teleobxectivo e si que tiven un angular pero distorsionaba moito os espazos. Agora case prefiro que non entre a que me distorsione a escena.

Dos grandes clásicos da fotografía, cales recomendas «estudar» ou simplemente desfrutar?

Buf… É imposible de respostar máis se me teño que quedar con un seguramente sería con Josef Koudelka porque viviu por e para a fotografía. Non só polas súas imaxes senón polo seu entendemento do medio ao que creo que só se chega se a fotografía é vivida como o fixo el.

Doutras artes, como a pintura, o cinema… qué autores e/ou obras tes no teu «top»?

Agnès Varda! O que fixo ela no cine é o que a calquera lle gustaría facer coa fotografía. Los espigadores y la espigadora é unha obra que vin decenas de veces. É emotiva, persoal, íntima e sobre todo honesta. Máis tarde fai Los Espigadores y la espigadora dous anos despois e un se da de conta do grande que foi Agnès…

Hai moitas outras, no tempo libre poñía pelis e ía facendo capturas de pantalla de certos frames para gardar referencias. Foi aí cando me din conta de que o cine e a fotografía aínda que poidan parecer irmáns non o son… Son linguaxes tan diferentes!

Cal é a túa foto favorita de todolos tempos e porqué?

Teño dez imaxes de diferentes autores que sempre están na miña cabeza pero vou volver a Koudelka, unha foto do libro de Gitanos. Nesa imaxe o encadre esta dividido a metade por un lado discurre unha carretera e polo outro un camiño. No medio de ambos un neno que mira fixamente a cámara que a min me evoca ao futuro. Unhas mulleres bailan sobre a carretera e polo camiño avanza o carro. É unha xenialidade! Un milagre, esa imaxe é un milagre. Ten todo!

Engadiría dúas que para min explican a Galicia e as dúas son da grandísima Anna Turbau. Con esas dúas imaxes creo que se entende moito do presente do que é Galicia.

Links ás fotografías:

Koudelka

Anna Turbau 1

Anna Turbau 2

Web de Anna Turbau

Adra Pallón, o xigante desenfocado e de mirada profunda cara o social. Foto: Loopez.
ADRA PALLÓN

Adra Pallón é un premiado fotógrafo lucense con proxección internacional. Traballa para distintas axencias e medios, realiza proxectos persoais e é docente de cursos de fotografía.

Web oficial Facebook Instagram

+ de Adra Pallón en Viva Lugo:

Adra Pallón Premio Nacional de Fotoperiodismo INJUVE 2022

Lugo na mirada de Adra Pallón

«Se pecha Alcoa, nós tamén»

Adra Pallón seleccionado nos Oscar do fotoxornalismo

Adra Pallón finalista no «Andrei Stenin International Press Photo»

San Froilán 2022 na mirada de Adra Pallón