Comeza o ano nos cines Codex cun agasallo moi especial, a estrea de Desexando amar de Wong Kar-wai na celebración do seu vixésimo aniversario. Este mítico filme apareceu no panorama europeo a principios do século XXI e supuxo un auténtico shock para a cinefilia de entón. Un mundo de imaxes e sensacións completamente novo, un filme suntuoso e sedutor que marcou un antes e un despois na historia do cinema. Aínda hoxe é recoñecido como un dos filmes máis importantes deste século e incluso na lista que elabora cada década o British Film Institute (considerado o canon das mellores películas de todos os tempos) situouse no posto 24 no último reconto feito en 2012.
Este filme extraordinario nos sitúa en Hong Kong, nos anos 60, seguindo o terrible e fermoso xogo de sedución entre Chow e Li-zhen, un home e unha muller que se namoran pese a estar casados. A culpa, a necesidade de sobrepasar os límites, a imposibilidade de resistirse á paixón son temas que trata Wong
Kar-wai de forma sublime, cun gran traballo de fotografía nocturna e luces de neon, acompañados por unha deliciosa música a cargo do mestre xaponés Shigeru Umabayashi.
Mais tamén Desexando amar é unha historia de desencanto e dor, do que supón vivir nunha cidade secuestrada, nun país, Hong Kong, a medio camiño entre Europa e Asia. O derradeiro bastión do imperio colonial británico, que pasou ás mans chinesas en 1997 marca culturalmente este filme. Agora que
deixamos este 2020 que vivimos confinados, non se nos ocorre mellor retrato que esta obra maxistral de Wong Kar-wai que afonda sobre os sentimentos de perda, a incapacidade de acadar os soños, mais taména e speranza de amor e liberdade.
O seu director, Wong Kar-wai, é un dos derradeiros poetas da pantalla. Naceu dentro dunha das grandes industrias de cinema do mundo, a de Hong Kong, un país que producía centos de películas cada ano, centrada principalmente en filmes de acción, terror e outros xéneros comerciais. Mais Wong conseguiu
crear unha obra distintiva, característica e chea de personalidade, cun estilo propio e identificable. Desexando amar é, se cadra, o seu punto máximo como autor. Por sorte, como parte desta homenaxe que se lle rendemos a esta marabillosa película, Codex Cinema proxectará ao longo do mes de febreiro, outras películas importantes deste autor, dentro da xenial iniciativa Universo Wong Kar-wai promovida pola distribuidora Avalon.