A Rede In munogenom pon en valor o traballo de I+D+i que se desenvolve no ámbito da acuicultura a través do documental ‘Cultivando na auga: tradición e innovación’, un audiovisual elaborado a iniciativa dos investigadores da USC e do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Xunta de Galicia integrados na Rede Inmunogenom que salienta as singularidades da acuicultura na comunidade galega.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto, e o catedrático de Xenética da USC e coordinador da Rede Inmunogenom, Paulino Martínez Portela, presentarán este venres, ás 12.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o vídeo monográfico sobre o sector acuícola de Galicia, no marco dunha sesión que se poderá seguir en liña a través da canle de YouTube da USC e durante a que se proxectará o vídeo ‘Cultivando na auga: tradición e innovación’.
‘A temática desta reportaxe, da que xa está dispoñible en liña un vídeo de promoción , afonda na realidade de Galicia como país de dous mares. A diversidade de augas salgadas e doces favorecidas por unha costa galaica recortada en diversas rías con clima atlántico, constitúe outro dos fíos argumentais desta peza, que salienta as singularidades e potencialidades de Galicia para a acuicultura.
O público interesado en visualizar este documental inédito, financiado pola Consellería Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede Inmunogenom e da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra BioReDes, ao tempo que tamén recibiu fondos do Programa Iberoamericano de Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento (Cyted), a través da Rede AQUA-CIBUS da Universidade de Vigo, poderá facelo a través da ligazón http://ir.gl/cultivandoauga