Inauguradas as exposicións "Luis Tosar" e "Libros da Semana de Cine"

Con motivo do inicio da XLII Semana de Cine de Lugo, que organiza o Grupo Fonmiñá, veñen de abrirse na Biblioteca provincial as mostras LUIS TOSAR e LIBROS DA SEMANA DE CINE.

Participaron no acto a Xefa tertitorial de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez, o Vicerreitor de Cultura da Universidade Jesús Varela Zapata, e por parte de Fonmiñá, Eduardo Rodríguez Ochoa, responsable de Fotografía; José Manuel Guisasola, administrador, e Xulio Xiz, Presidente.

A exposición LUIS TOSAR é un percorrido pola filmografía do gran artista lucense, xa anteriormente homenaxeado nas Semanas de Cine, do que neste ano se quixo deixar constancia da súa traxectoria fulgurante, sendo esta homenae un “suma e segue” na traxectoria deste actor, e do seu vencello co cine e coa cidade de Lugo.

Esta exposición está composta por seis prismas triangulares con ampla información literaria e gráfica da traxectoria e do especial momento que vive o actor.

Os libros da Semana

20 son os libros que, na actualidade, compoñen a Biblioteca da Semana  de Cine de Lugo. A súa publicación iniciouse en 2005, e estes días vanse publicar os dous últimos volumes. Sexan en homenaxe a diversos autores, sexan estudos sobre o cine e a fotografía na provincia de Lugo, vaise conformando unha biblioteca que estimamos esencial para adentrarnos na fecunda relación entre o cine e as terras lucenses.

Estes son os vinte títulos que, por agora, conforman a colección:

2005.- PRUDENCIA GRIFELL, unha lucense no cine de ouro mexicano

2006.- CARMEN CORREA, do Queirogal ao Cine

2007.- FRANK BRAÑA, morrer con dignidade no cine

2008.- UN LUGO DE CINE

2008.- EU SON O CABALEIRO DE PARÍS

2009.- EDUARDO FAJARDO, o vilán do cine español

2010.- ENRIQUE MUÍÑO, o gaucho galego

2011.- ANTONIO CASAL o home corrente da mirada tenra

2012.- RICARDO NÚÑEZ, o emperador da simpatía

2013.- RODADO EN LUGO

2014.- MANUEL LOURENZO

2015.- MERCEDES CORA, de Monte Cubeiro a Monte Parnaso

2017.- CINE MONDOÑEDO

2018.- ROSARIO DURCAL, a artista lucense que triunfou en México


2018.- 40 SEMANAS DE CINE EN LUGO

2019. ANTONIO MOURELOS

2019.- A FOTOGRAFÍA LUCENSE. Da Agrupación a Fonmiñá

2019.- 41 SEMANAS, 41 CARTEIS

2020.- LUIS TOSAR, O DESCOÑECIDO MÁIS COÑECIDO.

2020.- ORIXES E CONSOLIDACIÓN DA FOTOGRAFÍA EN LUGO

Como complemento da mostra, figuran tamén os diversos carteis que anunciaron a Semana de Cine de Lugo desde os comezos en 1979 ata a actualidade, publicados os 41 primeiros no libro 41 SEMANAS, 41 CARTEIS, que de novo se vai poñer ao dispor do público acompañado dun exemplar do cartel do presente ano.