MAR 2018 O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia contará por segundo ano consecutivo con sesións en Lugo grazas ao convenio que acaban de asinar a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Club Cultural Cineclube Valle-Inclán. As proxeccións serán programadas unha vez á semana, ás 19,30 h, na Casa do Saber da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta do Cineclube Valle-Inclán, Mª Antonina Gay, subscribiron na Delegación Territorial da Xunta en Lugo este novo acordo de colaboración, mediante o que a asociación repite en 2018 como unha das sedes da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe, xunto coa sede da filmoteca na Coruña e os cineclubs Padre Feijoo de Ourense e Lumière de Vigo.
Baixo o epígrafe Sesións de Filmoteca, a carteleira do CGAI en Lugo arrancará o vindeiro 7 de marzo coa primeira das tres sesións dedicadas á conmemoración do Día da Muller. Nela proxectarase a película arxentina Alanis, unha das sensacións do festival de San Sebastián, onde levou os premios á mellor dirección para Anahí Berneri e á mellor actriz para Sofía Gala pola súa interpretación dunha traballadora sexual que se esforza por educar o seu fillo.
Seguirana neste pequeno ciclo El orden divino (día 14), sobre o movemento feminista nos anos setenta en Suíza, e Una vez fuimos salvajes (día 21), retrato dun barrio madrileño asinado pola galega Carmen Bellas.
![images images](https://vivalugo.es/wp-content/uploads/2018/03/images.jpg)
Xa en abril, poderán verse por primeira vez na cidade tres producións españolas que trazan unha radiografía do que foi o panorama cinematográfico independente en 2017. Todas elas chegan avaladas pola crítica e por premios en diferentes festivais: Los objetos amorosos (día 4), de Adrián Silvestre; La vida y nada más (día 11), de Antonio Méndez-Esparza; e El mar nos mira de lejos (día 18), de Manuel Muñoz Rivas.
Esta primeira escolma bimestral de 2018 pechará o día 25 de abril con Grandeza y decadencia de un pequeño comercio de cine, comedia con triángulo amoroso de por medio que o pai da Nova Ola francesa, Jean-Luc Godard, filmou para a televisión en 1986 e que vén agora de recuperarse cunha versión restaurada, inédita en salas.