MAR 2018 A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este xoves no Museo Provincial de Lugo o V Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación, que se celebrará dende hoxe ata o 17 de marzo. Trátase dunha iniciativa do Goberno da Deputación na que se exporán experiencias e reflexións sobre a cuestión de xéneros e a educación. Fíxoo acompañada da Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López; da Xerente da Rede Museística da Deputación, Encarna Lago; e da Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro.
O Congreso comeza hoxe, xoves día 15, no Museo Provincial, onde se celebra a sesión de mañá, e continua pola tarde no Pazo de Tor; o día 16 será no Museo do Mar, e o 17 en San Paio de Narla. Esta edición conta coa participación de máis de 25 representantes de diferentes asociacións, investigadores, profesores, así como promotores de iniciativas sociais en xéneros, activistas, persoas con capacidades diferentes, diversidade e educación que afondarán na visibilización e diversidade do tecido social.
Os poñentes que interveñen nestes xornadas son, entre outros, Víctor Fraga Gayoso, Psicólogo de Institucións Penitenciarías, co proxecto Guerrilla de Palabras; Mónica Álvarez San Primitivo e Nerea Rodríguez, que avanzarán o programa ACADAR, sobre Violencia contra as mulleres con discapacidade; Estella Freire e Candela Rajal sobre Espazos Resistencia. Ademais, intervirá a Directora do Museo da Tertulia de Cali (Colombia), Ana Lucía Llano Domínguez; Rosario Sarmiento falarán sobre “Arte e muller na Galicia contemporánea”. A Catedrática de Historia, Concha Gaudó presentará 100 anos de feminismo pacifista. Paula Cabaleiro, Ánxela Caramés e Lucía Canoura Sánchez explicarán a visibilizacion feminina, e Amelia Aguado Álvarez, presentará o relatorio “Raíñas guerreiras. O papel da muller tradicional africana a través das pezas do museo”, e Aitziber Urtasun: A arte como ferramenta social.
Recordar que na Rede Museística de Lugo pódese visitar a exposición “Eu, ti, elas…nosoutras, nosoutrxs en rede”, unha exposición que trata de evidenciar a desigualdade no mundo da arte e da cultura con proxectos artísticos de entre outras:
Cris Vilariño
Mónica Alonso
Basilisa Fiestras
Mery Pais
Carmen Porteiro
Luz Darriba
Ana DMatos
Carmen Chacón
Tamara Wassafas
Toda a info neste artigo: «Aberta na Rede Museística de Lugo a exposición “Eu, ti, elas…nosoutras, nosoutrxs en rede”