Restrospectiva David Lynch nos Codex Cinema. Chega a Codex o persoal mundo onírico de David Lynch.
Convertido nunha lenda do cinema de autor e underground, o cineasta estadounidense David Lynch será o protagonista da programación de Codex Cinema durante xuño e xullo, comezando pola estrea este mesmo venres de Mulholland Drive, un dos filmes mellor valorados e máis respectados pola cinefilia mundial, esta obra maxistral foi elixida pola BBC como a mellor película do século XXI.
Mulholland Drive pode entenderse como unha culminación do estilo de David Lynch. Unha mestura de narracións criminais que beben tanto da literatura pulp (Jim Thompson, Elmore Leonard) como do o gran cinema noir do Hollywood clásico, introducindo todo iso nun festival meta narrativo de soños e pesadelos, de diferentes niveis de realidade e capas de significado, que o cineasta mostra sempre a través de ambientes tan sedutores como perigosos.
Mulholland Drive pode entenderse o punto intermedio entre clásicos como O soño eterno de Howard Hawks e Sunset Boulevard de Billy Wilder e filmes míticos da modernidade cinematográfica como Celine et Julie vont en bateau de Jacques Rivette e Blow Up de Michelangelo Antonioni.
O filme segue a Betty, unha moza que soña con converterse nunha gran estrela de Hollywood mudándose á meca do cinema. Alí atopa a Rita, unha enigmática muller que sofre amnesia e coa que comeza unha aventura para coñecer o seu pasado nunha cidade marcada polo crime e o exceso, onde as grandes avenidas de palmeiras ocultan mundos nocturnos dominados pola escuridade e a corrupción.
Esta restrea de Mulholland Drive dará comezo a dous meses onde o seu director, David Lynch, será protagonista das pantallas de Codex Cinema que, cada semana proxectará un filme seu, desde o seu debut coa underground Eraserhead ata a elexíaca viaxe de Unha historia verdadeira, pasando por filmes míticos como Blue Velvet ou Corazón salvaxe, coa que gañou a Palma de Ouro no Festival de Cine de Cannes.