A primeira estrea desta semana en Codex Cinema é «Tenéis que venir a verla». Jonás Trueba regresa cunha proposta que é unha invitación expresa para acudir ás salas de cine. Itsaso Arana, Vito Sanz, Francesco Carril e Irene escolar protagonizan este filme que, en palabras do propio Jonás, é unha película reencontro. 

Segundo Trueba ir ao cine converteuse nun pequeno acto de resistencia, nun xesto poético, nun salto de fe. O director madrileño engade que este
filme fíxose dende esa mesma convicción, con rapidez e determinación, a partir da súa propia crise de irrealidade pero coa ledicia do reencontro.

Tenéis que venir a verla chega aos cines este venres 17 de xuño apostando por unha única sala en cada cidade coa intención, así, de converter a exhibición da película en algo máis concreto e próximo, nunha oportunidade para desfrutar da experiencia cinematográfica e prolongala máis aló dos pases. 

Trueba pensa en cada película que fai como nunha casa construída co espectador, non se trata de elaborar unha trama ou una argumento senón de crear un espazo no que convivir e compartir cousas. O título, Tenéis que ir a verla, é a plasmación desa idea. 

Un filme moi curto, dura practicamente unha hora, que amosa o reencontro de dúas parellas de amigos que escoitan música, len, comen, pasean e xogan ao pimpón. Unha celabración dese tempo suspendido no que brota a calma, o tempo de lecer.

Fantasías dun escritor

A segunda estrea desta semana é Fantasías dun escritor, novo filme do francés Arnaud Desplechin, unha das figuras máis sobresaíntes do cinema de autor francés dende comezos dos anos noventa. Fantasías dun escritor, con presentación no Festival de Cannes de 2021, está baseada na novela Engano de Philip Roth. 

Protagonizada por Léa Seydoux, Denis Podalydès, Emmanuelle Devos e Anouk Grinberg o filme narra un amour fou entre un escritor norteamericano e a súa amante no Londres de finais dos anos oitenta.

Regreso a Reims

Finalmente esta fin de semana haberá un pase especial do documental Regreso a Reims. Será este domingo ás 20:45. Dirixido por Jean-Gabriel Périot o filme foi seleccionado para participar na Quincena dos Realizadores en Cannes 2021 e na sección Zabaltegi-Tabakalera do Festival de San Sebastián 2021.

Périot é un prolífico director francés que realizou numerosas curtametraxes situadas na fronteira do cinema experimental, do documental e da ficción. Os
seus traballos percorreron todo o mundo e gañaron numerosos premios. Algúns deses títulos son Une jeunesse allemande, Lumières d ́été ou Nos défaites.

Regreso a Reims está baseada no ensaio, co mesmo nome, do filósofo francés Didier Eribon e interpretado pola premiada actriz francesa Adèle Haenel. A través de material de arquivo o documental traza unha historia íntima e política da loita obreira francesa dende os anos cincuenta ata a actualidade.