No Museo Provincial o tema a repensar é a influencia dos gobernantes sobre a Historia. Na Torre de Xiá (Museo Fortaleza San Paio de Narla) resoan como “pedra dura” as pegadas do Poder sempre vixía. No Museo do Mar de Cervo, antiga escola, medítase sobre a Educación e no Museo Pazo de Tor debatese sobre a influencia da relixión
Acompañan a este proxecto os poemas e as obras de María José Fernández, Marica Campo, Olalla Cociña e Olga Novo que reflexionan, sobre o noso devir de seres vixiados, absolutamente controlados
Xuño 2018 O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este xoves no Museo Provincial o novo proxecto do artista monfortino Roberto González que se titula “Control”, e que se exhiben nos catro museos da Rede Museísitica da Deputación, estará exposta ata o 30 setembro.
“Con este proxecto, o autor, que inclúe un cento de retratos a maioría de homes, transcende o valor estético da obra de arte e proponnos reflexionar sobre a imaxe como comunicación, como símbolo que representa as formas históricas de relación social, especialmente as de control desde as diferentes formas de poder”, sinalou o Presidente.
Campos Conde explicou que “a letra W coa que cada persoa retratada trata de protexerse representa o control que agora mesmo se exerce sobre os individuos desde as redes sociais. Nesta reflexión tamén dialogan os continentes, a carga histórica dos edificios dos museos co seu significado e tamén outras formas de creación como a poesía”.
Bolseiro en Nova York
Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1948). Entre 1969 e 1974 estuda na Escola de BB. AA. de San Fernando de Madrid. Trasládase a Edimburgo en 1977 e desde 1982 alterna a súa residencia e traballo entre esta cidade e Madrid. En 1984 é bolseiro por “The New York Foundation for the Arts”. Artista multidisciplinar interesado pola pintura como medio para expresar ideas e sentimentos, o seu estilo podería definirse como unha mestura entre formulacións conceptuais e realistas. Desde os seus comezos móstrase interesado pola figura humana, sempre constante ao longo da súa traxectoria e o modo de reflectir pictoricamente a vida interior dos seus personaxes. A preocupación do autor polo espazo e polo tempo faise evidente tanto no estilo narrativo da súa obra como na organización seriada do seu traballo, cada nova invención procrea universos temporais e espaciais propios. Nos últimos anos e paralelamente á pintura desenvolveu numerosas series a través de tecnoloxías innovadoras incluída a súa páxina web na que presenta proxectos especialmente realizados para ela.
No acto participaron a Deputada de Cultura, Pilar García Porto; o autor, Roberto González; a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre; o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca; a Coordinadora do proxecto, Encarna Lago González, e a Directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García.