Descobre a Xulia Minguillón nunha andaina pola igualdade

A área de Xuventude propón este sábado unha andaina para conmemorar o nacemento da escritora lucense Xulia Minguillón.

A actividade enmárcase nunha programación máis ampla que ten como obxectivo promover a sostibilidade e igualdade entre a mocidade do municipio. Trátase de camiñadas polo Concello de Lugo, lideradas por mozas e mozos de entre 14 e 35 anos, para reivindicar unha cidade peonil e igualitaria.

O número de prazas para cada unha delas é de 25 e a hora de saída será sempre ás 10:30 horas, no Parque Rosalía de Castro –diante do busto da escritora- no caso das andainas de sostibilidade e na Praza Maior – nos soportais do Concello – para as de igualdade. Os guías locais Guido Álvarez Parga e Lidia de la Fuente serán os encargados, respectivamente, de dirixilas.

As inscricións, de xeito provisional, realizaranse a través do enderezo xuventude@lugo.gal, facilitando o nome, apelidos, data de nacemento e teléfono, achegando, con caracter obrigatorio, foto ou fotocopia do DNI/NIE/PASAPORTE. As e os menores de idade irán acompañados por unha persoa adulta.

 

Andainas por un Lugo peonil e igualitario

A participación en cada andaina, que é gratuíta, seguirá a seguinte orde de prioridade e por rigorosa orde de inscrición:

1.Mozos e mozas de 14 a 35 empadroados no Concello de Lugo (achegando declaración responsable de empadroamento, que o Concello poderá comprobar).

2.Mozos e mozas de 14 a 35 anos, que traballen ou estuden no municipio de Lugo (achegando copia do ontrato de traballo ou matrícula do centro educativo regrado no que estuda).

3.Mozos e mozas de 14 a 35 anos que residan en municipios limítrofes.

4.E sempre e cando queden prazas vacantes, resto de poboación non superando o 10% de prazas ofertadas en cada actividade.