A Pobra do Brollón acolleu a estrea da película Maria Solinha, dirixida por Ignacio Vilar. A proxección do filme, que trae á actualidade a lenda de Maria Solinha acusada de bruxería e perseguida pola Inquisición no século XVII, tivo lugar nos Carballos a carón da igrexa de Cereixa, ao aire libre, nun espazo habilitado para cumprir coas medidas hixiénicas e de distanciamento persoal para previr o contaxio da Covid 19.

O Concello da Pobra de Brollón e a Asociación Veciñal María Castaña colaboraron na organización do visionado, que inicia o ciclo de proxeccións ao aire libre impulsado pola área de Cultura da Deputación para dar a coñecer o filme recén chegado ás salas comerciais en distintas
localidades da provincia.

Antes do visionado, o director e as dúas actrices protagonistas, Grial Montes e Laura Míguez, participaron nun coloquio no que compartiron as vivencias do tempo de documentación e rodaxe da película. No relatorio
tamén participou o historiador e arqueólogo Xurxo Ayán, natural da Pobra, cunha intervención na que sinalou os elementos comúns ao mito de Maria Solinha e ao de María Castaña, dúas mulleres enfrontadas ao poder
e á Igrexa.

Na presentación do acto, o deputado Efrén Castro subliñou a necesidade de “apoiar a creación artística en galego ofrecendo canles de distribución que permitan chegar a público de todo o territorio”.

María Solinha
Fonte da foto: Gab. Com. Cultura Deputación

Calendario das proxeccións:

– 21 de xullo: O Corgo.
– 27 de xullo: Meira.
– 28 de xullo: Vilalba.
– 3 de agosto: Barreiros: Premier coa presenza do director, Ignacio
Vilar, e as actrices Grial Montes e Laura Míguez.
– 4 de agosto: Guitiriz.
– 11 de agosto: Becerreá.
– 17 de agosto: Monterroso.
– 18 de agosto: O Valadouro.
– 25 de agosto: Outeiro de Rei.