A área de Cultura realiza múltiples melloras técnicas no auditorio municipal Gustavo Freire
Maite Ferreiro: “trátase de actuacións de mantemento nas instalacións para garantir o correcto desenvolvemento da programación e a seguridade de todas as traballadoras e do público”
Cultura adquiriu alzas infantís “para que as nenas e nenos poidan desfrutar das actividades do auditorio”

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou o auditorio municipal Gustavo Freire onde se están a levar a cabo diversas operacións de mantemento. Maite Ferreiro explicou que “renovamos distintas estruturas que se foron desgastando co uso”. “Son actuacións de mantemento para garantir o correcto desenvolvemento e a seguridade das traballadoras e do público nas distintas actuacións que se desenvolvan”.

A área de Cultura substituíu as barras electrificadas, reforzando a estrutura e permitindo aumentar as posibilidades de uso do auditorio “xa que a redistribución das cargas e o reforzo da estrutura, as novas barras soportan un peso maior que as antigas”, declarou Maite Ferreiro, que engadiu “ademais, realizamos unha serie de adecuacións na instalación eléctrica e arranxos no telón”.

“No día de hoxe rematarán estes traballos de mantemento, polo que estará complentamente listo para o reinicio da actividade cultural no auditorio despois do parón pola emerxencia sanitaria”, sentenciou Maite Ferreiro.

Alzas infantís

A edil de Cultura informou tamén da adquisición de 100 alzas infantís “para garantir que as nenas e nenos poidan desfrutar tamén das actividades do auditorio”. Ferreiro afirmou que “dado que as nenas e nenos non van poder ocupar sempre as primeiras filas nesta nova normalidade, debido ao distanciamento social e a limitación de asentos, a necesidade deste tipo de elevadores volveuse un requisito máis importante aínda para que as nenas e nenos poidan desfrutar da Cultura”.

Foto: Gab. Com. Cultura.