O San Froilán 2020 seguirá sendo a gran festa do outono galego
Realizarase unha programación distribuída polas distintas zonas da cidade, evitando grandes concentracións de xente e tendo sempre en conta as indicacións das autoridades sanitarias

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, compartiu co resto de grupos municipais da corporación os avances realizados na organización do San Froilán 2020.

Maite Ferreiro declarou que “este ano decidimos non renovar os pregos do Recinto Feiral nin das casetas do polbo, debido a tratarse de dúas zonas nas que se producen masificacións”. A edil de Cultura informou que “este ano realizarase unha programación distribuída polas distintas zonas da cidade, evitando grandes concentracións de xente e tendo sempre en conta as indicacións das autoridades sanitarias”.

“Debido a que a situación sanitaria pode ter grandes cambios en poucos días, desde a área de Cultura organizaremos as distintas actividades das festas con toda a flexibilidade que sexa posíbel”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “será unha edición moi distinta ao que vimos vendo nos últimos anos, mais o San Froilán seguirá sendo a gran festa do outono galego”. Maite Ferreiro lembrou que “este ano o protagonismo das festas recaerá máis nas agrupacións lucenses”. A edil de Cultura declarou que “estamos a poñer todo o noso esforzo en organizar unhas festas nas que a seguridade das veciñas e veciños de Lugo e das traballadoras e traballadores sexan o máis importante dada a situación de emerxencia sanitaria que estamos a atravesar”.

Cartaz das festas

Maite Ferreiro informou que este ano se volverá convocar un concurso para escoller o cartaz das festas. Segundo Maite Ferreiro, “un xurado experto escollerá unha serie de finalistas, que pasarán a unha final na que a veciñanza de Lugo terá a última palabra”.

O San Froilán 2020 seguirá sendo a gran festa do outono galego
Reunión da Comisión de Festas. Foto do Gab. Com. Cultura