Programación da RMPL – Rede Museística Provincial de Lugo – do 8 ao 15 de xullo.
Pintura, música, contos e sempre o territorio, protagonizan a actividade dos museos da RMPL nesta primeira quincena de xullo.

Desde a Area de Cultura da Deputación Provincial de Lugo a través da Rede Museística Provincial de Lugo que xestiona e dinamiza o Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla (Friol) e o Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos) desenvolve unha ampla programación durante estes meses de verán. 

As actividades están destinadas, principalmente, ao público infantil para axudar a favorecer a conciliación; propostas para compartir en familia e tamén programación para público adulto.

O Museo Provincial de Lugo acolle O sábado, 8 de xullo, ás 12:00h a Conversa “Territorios para a vida”. A cita, aberta a todas as persoas interesadas, está especialmente pensada para profesionais dos museos e investigadoras/es. O obxectivo é abrir debate sobre os modos de habitar Galicia. Intervirán o profesor da USC, Emilio Carral, o investigador transdisciplinar, Fran Quiroga e a activista afrofeminista, Vicky Campoamor.  Este encontro aproveitarase para presentar a obra “Galiza e o decolonialismo”, editada pola Fundación Luis Seoane.

Do 11 ao 13 de xullo, o Museo Provincial de Lugo desenvolve un novo campamento de verán, que neste caso adicarase á infancia en horario de mañá e ao público adulto en horario de tarde. “Museo e saúde na RMPL. Pintura e Consciencia” é o nome dos talleres que guiará o artista, Alberto Pena, Licenciado en Belas Artes e docente en talleres de arteterapia. “Neste laboratorio experimentarase coa atención ao corpo, cos sentidos e coas emocións, en contacto coa intuición e coa linguaxe simbólica”, sinala Encarna Lago, xerente da RMPL.

No Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o sábado, 8 de xullo, ás 12:00, Ugia Pedreira e Lidia Luna presentarán para toda a familia, “Contos e Cantos da
Baleanorte.” Actividade aberta ao público en xeral con entrada gratuíta.

Todos os martes ás 12:00 no Museo Provincial do Mar, nenas e nenos coñecen polo miúdo o territorio a través do mapa de Fontán. Ademais, o mércores, 12 de xullo, dentro da programación infantil, contarase eco taller “Oídos que ven”. De 11:30 a 13:30 as/os máis novas/os coñecerán canto nos contan os sons. A maioría das persoas perciben polos ollos o 80% da información, con esta actividade faranse conscientes de canto podemos ver cos oídos. Descubrirán as sensacións que nos transmiten os sons e comunicaranse a través deles.

A Rede Museística Provincial de Lugo dentro da súa programación expandida, na que colabora con iniciativas culturais, leva ao Museo Pazo de Tor unha nova edición de Sacra Festival. Nesta ocasión a temática do Festival xirará ao redor da identidade, a memoria e o teritorio. Sacra Festival organizado por Sacra Experience vincula arte, natureza e música.

A cita, o 14 de xullo a partir das 19:00 coa actuación da Compañía 5S, CRNDS Allova e Sila Lúa. A entrada é libre e o acceso gratuíto ata completar o aforo.
Pensado especialmente para a mocidade, o Sacra Festival quere ser un encontro sostible, polo que os espazos terán aforos limitados.

Do 20 ao 21 de xullo o Museo Pazo de Tor acollerá un campamento infantil, mentres no Museo Fortaleza de San Paio de Narla retomaranse en agosto as propostas de “Argallando na Rede”, para seguir afondando nos museos da Rede Museística Provincial, dependente da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.