A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou unha nova edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar Tarde e Tardiña, xunto coa programación para público adulto Versos na Barraca.
«Trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar nas prazas do centro de Lugo durante as tardes dos xoves», explicou Maite Ferreiro, que engadiu «cada día terá lugar un espectáculo para público familiar ás 18:00 horas na praza Anxo Fernández Gómez, e unha actividade para público adulto ás 20:00 horas na praza da Mosqueira».
As catro noites de Versos na Barraca (xoves 6, 13, 20 e 27 de xullo ) serán presentadas polo director artístico, Lois Pérez, canda The Tarracos, formación musical do ciclo liderada por Luis Monsalve.
Programación Versos na Barraca 2023
06 de xullo, O rumbo desnortado das estrelas, Estíbaliz Espinosa e Rosalía Fernández Rial
Os versos que apuntan ao ceo e ás estrelas dende o corazón dunha mazá dialogan a través da voz de Estíbaliz Espinosa coa Rosa dos Ventos, a poesía orgánica, musical e desnortada pero sempre á fronte de Rosalía Fernández Rial.
Dúas das mellores poetas do panorama literario galego xúntanse ao pé da Muralla para agasallarnos cos seus versos.
13 de xullo, Ouveos cando pasa a libélula, Lupercais
Nieves Neira, Jaro da Silva, Luís Alonso, Antom Fortes, Luís Valle, Sara Plaza ou María Grandío son parte do colectivo Lupercais, compañeiras e compañeiros da poesía e dos espazos que esta abre na vida cotiá.
Voces diferentes, singulares, orixinais, Voces diferentes, singulares, orixinais, complementarias ou non, unidas pola amizade e o proxecto poético que lles dá nome, cultivando a arte do encontro. A palabra.
20 de xullo, A cinca que escintila na terra, Anxo Angueira e Berlai
Unha voz que se funde no verso e desaparece para cobrar aínda máis fulgor, poucas veces a palabra resoa tan fértil.
Un artesán de cancións cun pé en Dodro e outro en Berlai, sensibilidade e denuncia dacabalo do talento.
Anxo Angueira, un dos mellores recitadores do país xúntase na Barraca canda a Xiao Berlai, cantautor e alma de poeta para facer escintilar a voz da terra.
27 de xullo, Descunchar o que non ten nome, Branca Novoneyra e Ismael Ramos
Coller as palabras dun verso e sopralas até acender o seu significado e gozar coa súa luz.
A sensibilidade e a experiencia atenta do mundo atravesan a celebrada poesía do Premio Nacional de Poesía Joven, Ismael Ramos, e os versos do novo traballo da poeta Branca Novoneyra, “As cunchas baleiras”.
Luz, poesía e talento para tempos escuros da man de dúas poetas de referencia.