Os Codex Cinema estrean “Mug”, Premio do Xurado na Berlinale

mug-poster

Febreiro 2019 Nova semana nos Codex Cinema. Ás películas de aventuras e intriga da semana pasada súmanse: “Mug” e “Quién te cantará”

Mug, o filme de Małgorzata Szumowska  levou o Gran Premio do Xurado no festival de Berlín de 2018,  un dos máis importantes premios do mundo. Este filme polaco, entre o drama e a comedia, a partir de unha situación realmente excepcional, fala de forma moi orixinal sobre temas realmente complexos como a relixión, o fanatismo, os prexuízos cara os que son diferentes, a partir da historia dun mozo, amante do heavy metal e obreiro que é protagonista dun milagre. De ser un suxeito marxinal da súa comunidade pasará a ser un elixido.

Quién te cantará, a terceira película de Carlos Vermut, é a historia dunha cantante en crise creativa que lle sirve a Vermut para continuar o seu particular universo de referencias cruzadas, con moitas influencias do cinema de Pedro Almodóvar, pero desde unha óptica máis actual, a medio camiño entre o melodrama e o thriller, entre os tópicos da cultura española e as liñas xenéricas do cinema americano. 

O filme xa foi estreado hai tres meses no resto de España e ao estar na fin da súa vida comercial, terá pases limitados o martes, mércores e xoves da semana próxima.

Carlos Vermut é un dos autores en auxe do cinema español. Tras debutar cun filme de culto como Diamond Flash, o cineasta madrileño tocou o ceo con Magical Girl, arrasando no Festival de Donostia de 2014, onde levou os premios de Mellor película e Mellor director, algo que poucas veces acontece nos festivais internacionais, que tenden a repartir os premios entre diferentes filmes a concurso.

Diana Toucedo en Lugo

Xa para o venres 8 de febreiro a cineasta galega Diana Toucedo estará en Lugo para presentar, no día da estrea en todo o estado español, o filme Trinta lumes. Rodada na provincia de Lugo, na zona do Courel, a película retrata esta formidable paraxe natural de forma tan espectacular como máxica. Estamos ante unha obra que obtivo grande repercusión internacional. Foi presentada no Festival de Berlín de 2018 e percorreu gran parte dos festivais españois e galegos, mais por fin, logo de dar a volta o mundo, retorna ao lugar que a viu nacer.