MAR 2018 Co sol como foco principal de cada obra e numeroso público disfrutando das pezas teatrais que rotando pola Praza Maior foron representando varias das compañías de teatro lucenses ( Achádego Teatro, Escola Palimoco Teatro Danza, Hipócrita Teatro, Ítaca Artes Escénicas, Lucecús Teatro, Microefectos Dramatúrxicos, Teatro Hospital Xeral Calde Lucho) celebrouse o Día Mundial do Teatro en Lugo.
Non hubo obra que non sacara un soriso ou impactara ao público. Intérpretes a pé de rúa, intérpretes entre a xente e intérpretes representando para un espectador un anaco dunha obra… maravilla de celebración e de traballo en cooperación e solidario entre toda a troupe lucense.
Celebración promovida pola Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua e os 7 grupos teatro de Lugo. Como colofón final deuse lectura ao seguinte manifiesto.
Manifesto
Nos tempos que corren agárdase que un manifesto sexa un berro enrabiado, cargado do velo que corre cheo de razón polas nosas veas, un berro que bata como puño nas paredes de cristal coas que nos encerra o poder, cada día máis asfixiantes, cada día menos disimuladas, cada día máis enlamadas. Pero este manifesto non é un berro, non precisa de volume nin carraxe para sosterse. Este manifesto é unha gargallada, un rirse a boca aberta, un desperrecharse.
Porque a rabia é a arma da guerra, pero a risa é a bandeira da resistencia, é a intelixencia, é a liberdade.
E o teatro é a república da liberdade. O teatro é o territorio onde podemos matar ao rie, fundar unha acrópole de mulleres, brindar con santos e apóstolos. Esa terra fértil onde unha mesa e dúas cadeiras son unha terraza do París dos 50, onde o activo máis importante é a complicidade do público, ese lugar sagrado onde as sombras cobran vida e dinnos: o teatro non imita a vida, o teatro soña o mundo que desexamos, é a materia prima coa que construír a sociedade futura.
O teatro é o Estado Confederado das valentes, das libres, das que non calan se as asoballan, das que rin.
Mesmo aquelas obras máis dramáticas, aquelas traxeidas máis intensas, teñen á risa observándoas caladiñamente dende caixas. Porque sen ela non serían nada. Como recoñeceríamos os días tristes se nunca coñecéramos os alegres?
O teatro é o xogo máis construtivo de todos cantos xogamos, as súas regras son autonomamente consentidas e fainos o tremendo agasallo de pdoer ser doutro xeito, que non é pouco.
Que xente fútil seriamos se abandonásemos a partida na que nos xogamos a beleza, a verdade, a diversión e a emoción. Todo está inzado de trampas e hai unha vontade allea que se empeña en poñer fin a un xogo de séculos, antigo e próspero como a vida.
Que non nos confundan, que non terxiversen os nosos guións escritos co lapis da honestidade, escritos para facer pensar máis aló dos dogmas. Criminalizar a liberdade supón frivolizar o discurso do odio.
Prohibido xogar, prohibido rir, din.
A risa e o xogo é o que nos fai diferentes. O que nos leva a crernos máis intelixentes e, desgraciadamente, superirores ao resto de animais.
Ao poder xamais lle pode gustar a risa, nunca estará da parte das qeu xogamos e ensaiamos como mudar a realidade. O poder non quere que saibamos rir, nin soñar. Quérenos mansas coma bestas -con toda a admiración que temos nós polas bestas- que tiran dunha carruaxe dourada onde pasea un tirano nu.
Son as xentes do teatro as que sinalan o absurdo da escena e rin, e proclaman sen medo: Morte ao rei aburrimento! Viva a risa! Viva a intelixencia! Viva a liberdade! Vivan os personaxes que falan sen cancelas coa nosa voz! Vivan os títeres, porque eles todo o poden dicir! E vivan, tamén, as teatreis valentes que erguen a súa voz sen medo contra os abusos, contra o machismo. Contra a inxustiza! Viva, en fin, o teatro proque nesta nación de táboas e escuro somos libres e verdadeiras!