O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento anunciou que, pola véspera do Día Nacional de Galiza, a área de Cultura animará as rúas de Lugo con varios pasarrúas en distintas zonas da cidade. Segundo declarou Felipe Rivas, “tendo en conta a situación sanitaria, decidimos continuar a facer actos de rúa que eviten masificacións mais que continúen a animar distintos puntos da cidade”.
Un total de seis agrupacións musicarán os distintos barrios da cidade este venres, entre as 20:00 e as 21:30. Cántigas e Frores encargaranse de dinamizar o carril peonil da Ronda da Muralla. Na Ronda de Fontiñas situarase A Volta do Agro e no barrio da Milagroas, polas rúas Divina Pastora, Mallorca e Menorca e pola praza da Milagrosa situarase o grupo Son de Lugh. Dentro do recinto amurallado, Arrincadeira animará a praza do Campo, a rúa da Cruz e Bispo Basulto. Xaora encargarase de musicar os paseos da rúa San Pedro e da praza Maior e Bispo Aguirre, e Os Trastiños de Castelo percorrerán a praza de San Marcos, a rúa da Raíña, a Rúa Nova e a praza da Soidade.
Día Nacional de Galiza
“Este ano trátase dunha celebración especial debido a que se cumpren 100 anos da celebración do Día Nacional de Galiza despois de que as Irmandades da Fala, reunidas na II Asemblea Nacionalista no ano 1919, acordaran celebralo por primeira vez o 25 de xullo de 2020”, explicou Felipe Rivas.
A celebración do Día Nacional de Galiza estandarizouse en todo o territorio galego e en varios centros da emigración a mediados dos anos 20, malia que durante a ditadura de Primo de Rivera se reduciu a súa importancia, chegando a proporse o cambio da data de celebración.
Durante o franquismo a celebración foi renomeada como Día del Patrón de España, e converteuse nunha celebración relixiosa, malia que os distintos grupos galeguistas no exilio continuaban a celebrar o Día Nacional de Galiza, destacando dentro deste período o ano 1948, cando Castelao pronunciou o Alba de Groria no festival do Centro Gallego de Buenos Aires.
Durante a transición, a celebración franquista foi esquecida, mentres que diversos grupos vencellados ao nacionalismo galego e ao galeguismo retomaron a celebración iniciada polas Irmandades da Fala.
A celebración institucional desta festividade após a transición comeza no ano 1979, cando no DOG se declara o 25 de xullo de cada ano como Día Nacional de Galiza.