Nova edición da mostra «Arte de Portas Abertas»

21 artistas locais e 3 galerías de arte abrirán as portas dos seus obradoiros para permitir que a veciñanza poida visitar o seu traballo
Visitas guiadas con Queila polos distintos obradoiros colaboradores

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a mostra Arte de Portas Abertas, organizada pola área de Cultura e o Espazo LUPA Arte dentro da segunda edición do Culturban.

Maite Ferreiro explicou que «queremos achegar o traballo artístico das creadoras e creadores lucenses abrindo os seus obradoiros para que toda a veciñanza poida ver as distintas etapas do proceso creativo e coñecer de primeira man o estilo de cada unha das artistas locais que colaboran nesta iniciativa».

 A mostra conta coa colaboración de 17 artistas, que abrirán as portas dos seus obradoiros, 3 que contarán con espazos no Vello Cárcere e 3 galerías que mostrarán as súas coleccións. Ademais, organizaranse visitas guiadas coa guía lucense Queila polos distintos obradoiros.

Obradoiros abertos

A área de Cultura facilitará que a veciñanza poida visitar os obradoiros de 17 artistas os días 19, 20, 26 e 27 de novembro entre as 16 e as 20 horas. Recoméndase concertar as visitas de xeito telefónico con cada un dos obradoiros para facilitar o cumprimento das cabidas de cada instalación.

Na mostra participan Telarete (cerámica e poesía), Sergio Marei e Solaina (arte multidisciplinar), Tuli RG ( ilustración e pintura), Edu Fernández (pintura), Gema López Estudio de Arte (pintura), Andrés Haensel “Haenselus” (mix media e audiovisual), Leira (arte multidisciplinar), Miguel Anxo Macía (pintura), Iago Eireos (pintura e fotografía), Xoan Vila (escultura), Julio Gesto (pintura), Ceniza de Papel (cerámica), Elena Belgrano EduCoHabitar (arquitectura e mix media), Cris Bamio (pintura e fotografía), T de Tete (deseño textil).

Artistas con espazos no Vello Cárcere

Durante os 4 días da mostra, 6 artistas contarán cun espazo no Vello Cárcere. Serán Juan Pablo Mastroiani (pintura), Jo Jo (pintura), Ana Cabanes Fontao (pintura e escultura), Miguel Fernández (ilustración), Martín Blanes (audiovisual) e Carmen Porteiro (fotografía). Ademais, as salas La Catedral I, La Catedral II e Nova Rúa abrirán tamén as súas portas durante a mostra Arte de Portas Abertas.

Paseos con Queila

Durante a mostra a área de Cultura organiza 4 paseos coa guía turística Queila. Terán prazas limitadas por orde de inscrición previa no correo vellocarcere@lugo.gal ou no teléfono 982 297 195.

  • Sábado 19 de 17 a 20h – saída desde o Vello Cárcere
  • Domingo 20 de 17 a 20h – saída desde o Vello Cárcere
  • Sábado 26 de 17 a 20h – saída desde a praza do Campo
  • Domingo 27 de 17 a 20h – saída desde o Cei Nodus