Comeza a Mostra de Arte na Rúa Culturban 2023
A rúa Rafael de Vega acollerá este xoves actividades de animación musical e a apertura exposición itinerante coa mostra do traballo das 4 primeiras edicións.

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciaron as actividades que acollerá a rúa Rafael de Vega para dar comezo a unha nova edición do festival de arte urbana Culturban

Este xoves, 20 de xullo, a partir das 21:00, a rúa acollerá un espectáculo de animación musical e instalarase unha exposición que mostra do traballo realizado nas 4 edicións de Culturban celebradas ata o de agora, que se complementa coa exposición combate mural que acolle nestas datas o MIHL. 

Este primeiro mural do artista ourensán Mon Devane, que homenaxea á figura do doutor represaliado e asasinado pola ditadura, Rafael de Vega, servirá de pistoletazo de saída desta edición que, segundo a concelleira de Cultura, “busca seguir promovendo intervencións artísticas que interactúen e dialoguen co cidadán e co visitante, garantindo a participación de creadores consagrados para fortalecer o discurso e apoiar aos artistas emerxentes ao mesmo tempo”. 

Maite Ferreiro destaca a importancia que este proxecto cumpre á hora de “fomentar a arte socialmente resposable, vencellada á comunidade e á súa identidade e cultura” que dignifica a arte de rúa como expresión artística e ferramenta lúdica. 

Todo isto, insiste Ferreiro, permite crear sinerxias entre artistas e cidadáns e tamén entre entidades públicas e privadas, “poñendo en valor ao Concello de Lugo e potenciando novos valores turísticos que oferten un circuíto museístico na vía pública que aporte visibilidade exterior a través das plataformas dixitais”.