O auditorio municipal Gustavo Freire acollerá o vindeiro mércores, 12 de abril, a partir das 20:00 horas o festival A Maxia do Eixo, dentro da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. “A cita reunirá a recoñecidos ilusionistas galegos e portugueses nun espectáculo cheo de fantasía que abraiará por igual a pequenos e maiores”, avanzou a alcaldesa, Lara Méndez.

A ilusión e a fantasía uniranse nun espectáculo cheo de maxia que abraiará por igual a nenos/as e adultos/as. Recoñecidos/ as ilusionistas, cada un cun estilo propio e inimitable, despregarán todos os seu trucos para vivir a maxia en primeira persoa.

A Maxia do Eixo amosará o talento das dúas beiras do río Miño: os/as ilusionistas galegos/as (Lore LavandDani Polo e o Mago Rafa), xunto cos seus compañeiros e compañeiras portugueses (Ta Na Manga Solange Kardinaly) trasladarannos a unha experiencia única e inesquecible.

O acceso será gratuíto ata completar o aforo do recinto. As persoas interesadas en asistir deberán recoller a súa entrada de balde no punto de información do centro comercial As Termas, con un máximo de dúas entradas por persoa.

Toda a información sobre esta actividade, así como do resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse a través da páxina web www.lugocapitaldacultura.com onde se atopan actualizados os horarios, ubicacións e datas das diferentes iniciativas que terán lugar ao longo do ano na cidade amurallada.