Homenaxe da Real Academia Galega a Darío Xohán Cabana o xoves 23 de marzo, Día da Poesía, nun acto no que familia, amizades e outros creadores recitarán versos do escritor e académico, unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas.

A celebración, de entrada libre, terá lugar na Fundación Luis Seoane (San Francisco, 27 – A Coruña) a partir das 19:00 horas e poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

O público recibirá a plaquette Darío Xohán Cabana, estirpe de labradores, un volume coordinado pola directora da Sección de Literatura da Academia, Marilar Aleixandre, que reúne os poemas escolmados e os textos sobre Darío Xohán Cabana e a súa obra escritos para a ocasión polas persoas que tomarán a palabra. 

Tras a apertura do acto a cargo do presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e Marilar Aleixandre, a secretaria da institución e compañeira de xeración de Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, pronunciará a loanza do homenaxeado nun serán que conducirá a académica de número Ana Romaní.

Deseguido, a tamén compañeira de corporación Chus Pato e Marilar Aleixandre recitarán poemas do escritor xunto a Pepe Barro, Marica Campo, Xoán Ramiro Cuba, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, María Alonso Seisdedos e mais Alexandra Cabana Outeiro, filla de Darío Xohán Cabana. A súa poesía escoitarase ademais arroupada pola música nunha actuación de Lois Pérez.

Do contido social ao mundo máis persoal

Darío Xohán Cabana cultivou case todos os xéneros en máis de corenta títulos dirixidos tanto ao público adulto coma ao máis novo, entre os que destacan obras como Galván en Saor (1989), un dos grandes éxitos da narrativa galega das últimas décadas, pero comezou a súa traxectoria literaria como poeta.

En 1970  publicou o seu primeiro libro de poemas, Home e terra, na colección Val de Lemos de Ediciós Xistral, dirixida polo tamén chairego Manuel María, o seu mestre poético. Ese mesmo ano autoeditou Verbas a un irmao e tres máis tarde vería a luz Romanceiro da Terra Chá na colección Pico Sagro da Editorial Castrelos, dirixida por outro dos seus referentes, Xosé María Álvarez Blázquez, para quen traballou nese selo editorial vigués entre 1971 e 1975.

No legado poético do autor conviven o contido social e as vivencias máis persoais, mentres que na forma Darío Xohán Cabana sempre sobresaíu polo seu gusto polos versos clásicos, dende os máis populares de Romanceiro da Terra Chá aos sonetos de Patria do mar. Con este último libro acadou no ano 1983 o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago de Compostela, que volveu gañar en 1986 con Amor e tempo liso. 

Os premios Cidade de Ourense, Cidade de Lugo ou o Martín Codax son outros galardóns que recibiu como poeta por títulos como A fraga amurallada, VIII fragmentos, Vidas senlleiras e Canta de cerca a morte (1994). Cabalgada na brétema, saído do prelo en 2006, foi o seu último libro de poesía editado.