A webserie documental da Rede Museística de Lugo de xira pola provincia.
Señor López Producións presenta «Un ronsel de futuro, historias soterradas» en Antas de Ulla, Outeiro, Barreiros, Sarria, O Courel, Lugo e moitas outras localidades.
Rubén Pérez e Brian Rodríguez de Señor López Producións. Fonte: Facebook Señor López Producións.

Un ronsel de futuro trata de achegar, através do cine, toda a inmensidade dos catro museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo, dependente da área de Cultura da Deputación de Lugo.

O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a nosa historia e patrimonio.

Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio.

Señor López Producións, da man de Brian Rodríguez e Rubén Pérez, levan a cabo este proxecto no que participan a propia xerente da institución Encarna Lago, artistas como Mónica Alonso e importantes persoas da nosa sociedade como Pilar Yáñez ou Mónica Álvarez, contando coa colaboración do Club Sénior do Museo do Mar, o Grupo de Teatro Antas de Ulla, Espazo Lupa así como o Colexio Público de Antas.

A webserie viaxou a diferentes localizacións da provincia de Lugo como O Cebreiro, Foz ou Samos así como os propios museos: o Pazo de Tor, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial de Lugo e Museo do Mar.

Logo de presentar o proxecto nos Cines Númax e en Bos Aires, da man da Universidade Nacional Tres de Febrero, a webserie documental preséntase cun formato espectáculo ao longo das diferentes comarcas da provincia de Lugo.  O vindeiro domingo 26 de novembro en Outeiro de Rei na Casa Museo Manuel
María ás 12:30 horas. En vindeiras datas, presentarase en Barreiros, O Courel, Sarria, Meira, Lugo e outras localidades da provincia.