XAN 2018 Cultura do País ven de informar do comenzo da terceira edición do ciclo de documentarios ‘Enxergando o País’ que amosará as mellores producións documentais que saíron no último ano sobre a realidade social e cultural galega.

As sesións terán lugar os martes e venres  ás 20:00 hs. no Lar – Carril das Hortas 1, baixo 5 – entre o 9 de xaneiro e o 2 de febreiro e contarán coa presenza dos/das directores/as. A entrada e aberta e de balde.

Programa:

Martes 9 de xaneiro: ‘100% CEF’ (2016, Arraianos Producións). Longametraxe documental sobre o poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro. Dirixido por Aser Álvarez e coa participación de Luis Tosar representando a Celso Emilio Ferreiro. Nos Premios Mestre Mateo 2012 acadou o premio ao Mellor Documental. 59 min.

Venres 12 de xaneiro: ‘O canteiro de Sebil’ (2017, Quinteiro do Umia), sobre a figura do militante nacionalista Xoán Xesús González, asasinado polos golpistas en 1936. Ver tráiler – YouTube-
O canteiro de Sebil’ é concebida como unha homenaxe audiovisual ao militante galeguista Xoán Xesús González, nado en Sebil (Cequeril, Cuntis) onde traballaba de canteiro e trasladado a Compostela, onde será un activista do movemento operario e do galleguismo, ademáis de promover varias iniciativas xornalísticas. Despois do golpe de Estado de 1936 formou parte dos Terzos de Calo que foron defender a legalidade republicana a Compostela, sendo detido e fusilado no cemiterio de Boisaca.

Martes 16 de xaneiro: ‘Alén do Cosmos’ (2017, Pedro Pablo Alonso e Rubén Pardiñas), Alén do Cosmos é un documental sobre o periplo vital de Santiago Formoso, un galego que a finais dos 60 emigrou a Nova York, onde empezou a estudar grazas a unha bolsa deportiva universitaria e acabou gañando a vida como futbolista no lexendario New York Cosmos, xunto a estrelas como Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Johan Cruyff. Retirado a finais dos 80, Formoso é hoxe un galego-americano máis dos moitos que viven en Queens ou Newark, cunha interesante experiencia que contar sobre o deporte, o negocio e a vida concibida como espectáculo. Facebook do docu.

 

Venres 19 de xaneiro: ‘Morrer devagar’ (2017, Irene Pin e Begoña Fernández), unha ollada galega sobre a crise dos refuxiados en Grecia. Facebook do docu.

Martes 23 de xaneiro: ‘Aberto e con fume’ (2017, Illa Bufarda), sobre a Comunidade de Montes de Tameiga e os seus espazos comunitarios. Web oficial. 32 min.

«O monte de Tameiga resiste. Dende onte ate hoxe. E dende aquí, entre a Portela, o Rebullón e o Monte das Pedriñas, o ollar esperta as lembranzas durmidas dos abrazos nos bailes, das voces nos cantos e dos sons máxicos baixo a Pedra Longa.


 25 anos despois segue coas portas abertas á parroquia, porque o monte ten iso, o monte une de xeito indivisible a todas aquelas veciñas e veciños que coa casa aberta e o fume no sentir, desexan construir a comunidade soñada para outros 25 anos máis.


 Este documental conmemorativo realizouse cun proceso de guión aberto. Durante dúas xornadas creamos unha liña temporal e histórica conxunta, recollimos lendas, identificamos ás persoas protagonistas destes 25 anos e puxémoslle palabras ás emocións que agora son lembranzas para as novas xeracións que seguen fan que o CSCD As Pedriñas continúe aberto e con fume.»

Venres 26 de xaneiro: ‘Sitio distinto’ (2017, Davide Cabaleiro), sobre a comunidade galega emigrada a Euskal Herria e as súas relacións coa cultura e a lingua vasca. Web oficial. 70 min.

Este documental é unha viaxe desde finais do século XIX ata a actualidade para entender porqué chegaron os galegos a Euskal Herria. E, sobre todo, porqué quedaron. E como esa decisión xerou que ambos os pobos atópense e cren xuntos a nivel musical, literario,social e cultural.

Como eses inmigrantes chegaron a un sitio distinto e como crearon barrios que acabaron por converterse en sitios distintos para a autóctonos. Outra lingua, outros costumes, outra cultura que termina por atoparse coa cultura e lingua vasca.

Martes 30 de xaneiro: ‘O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao’ (2016, Pinancho Audiovisuais), sobre a tradición do Entroido Ribeirao. Web oficial.

Unha curta documental que pretende dar voz a un ancestral entroido na Ribeira Sacra de Chantada, que resisitiu a represión do réxime e a despoboación que vive o rural galego.

Venres 2 de febreiro: xornada adicada ao audiovisual no ensino, coa proxección dos documentarios ‘Videopoemas 8 de marzo’ e ‘Eu cantar cantei’ (alumnado do IES de Arzúa) e a curta de ficción ‘O rumor’ (alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba).