Convocada a "Findecurta" 2021

O Espazo de Cine da Área de Cultura da USC impulsa a creatividade audiovisual da mocidade a través da convocatoria da sexta edición do maratón ‘Findecurta’, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo, que se desenvolverá do 4 ao 8 de xuño de 2021.

As persoas interesadas en tomar parte neste cita artística poderán formalizar a súa inscrición de balde desde este xoves 13 de maio ata o 2de xuño a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es , ao que cómpre enviar cumprimentada a folla de inscrición xa dispoñible na web www.lugocultural.es , onde tamén se poden consultar as bases polas que se rexerá a nova edición dun certame que en 2020 citou preto dun centenar de participantes.

As vicerreitoras de Coordinación do Campus de Lugo e de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Montserrat Valcárcel Armesto e Mar Lorenzo Moledo, respectivamente, salientaron que este tipo de certames reafirman o compromiso da institución académica coa cultura, a través das súas diversas manifestacións artísticas e, nomeadamente, cos novos creadores de cultura en galego. Valcárcel e Lorenzo realizaron estas declaracións na presentación deste maratón audiovisual no marco dun acto no que tamén participaron a deputada provincial e concelleira do Concello de Lugo delegada da área de Cultura, Tareixa Ferreiro, e o coordinador do ‘Findecurta’, Bruno Máez, quen adiantou algunhas das particularidades da sexta edición de Findecurta.

Vicerreitoras de Coordinación do Campus de Lugo e de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Montserrat Valcárcel Armesto e Mar Lorenzo Moledo e a concelleira do Concello de Lugo delegada da área de Cultura, Tareixa Ferreiro, e o coordinador do ‘Findecurta’, Bruno Máez

O certame propiamente dito comezará o 4 de xuño cunha sesión informativa que se desenvolverá de xeito telemático, a través da plataforma Zoom, a partir das 20.30 horas. Unha vez rematado este encontro, as persoas inscritas no VI Findecurta, agrupadas en equipos, disporán de máis de 80 horas para elaborar as súas respectivas curtametraxes, propostas que deberán entregar antes das 10.30 horas do 8 de xuño ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es .

As curtas presentadas a concurso deberán compartir varios elementos e cumprir os retos fixados na sesión informativa, segundo indicou o comisario de Findecurta. Bruno Máez explicou neste senso que, independentemente do xénero (aventura, acción, terror, drama, musical, bélico, western…) determinado por sorteo, as curtas terán que incluír determinados elementos, frases, personaxes…

Xurado, proxección de curtas e premios

Unha vez finalizada a maratón audiovisual e tras recibir todas as propostas presentadas a concurso, o xurado analizará e avaliará todas as curtas, que se proxectarán ao público o 6 de xullo nunha gala que se celebrará, a partir das 20.30 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo.
A entrega dos galardóns ás dúas mellores propostas desenvolverase ao remate da gala, cando o xurado do VI Findecurta emitirá o seu fallo e dará a coñecer a cinta gañadora, cuxos autores recibirán como premio unha gratificación en metálico de 500 euros, ademais da posibilidade de participar coa súa curtametraxe na 43ª Semana de Cine de Autor de Lugo, na que competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.
Asemade, os autores da curta máis valorada polo público presenta na sala tamén recibirán como agasallo a posibilidade de presentar e competir polo premio do público na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.