Artistas galegas emerxentes reinterpretarán obras do Museo Provincial de Lugo.
  “As 7 e 7” aposta por visibilizar a creatividade feminina ao longo do tempo e ensinar a mirar a arte contemporánea
Fotografía de Sabela Eiriz para Viva o San Froilán.

Sete artistas galegas emerxentes de diferentes disciplinas interpretarán obras doutras tantas artistas expostas no Museo Provincial de Lugo co proxecto “As 7 e 7”, comisariado por Sergio Marey. 

Trátase de Andrea Otero, Noa Costas Martín, Christina Chiarroni, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Greta Debelius e as irmáns Noa e Lara Castro Lema , que desenvolverán o seu exercicio creativo a partir de obras de Maruja Mallo, Xulia Minguillón, Mónica Alonso,  María Luísa Pérez Herrero, María del Carmen Corredoira, Violeta Bernardo e María del Carmen Álvarez de Sotomayor y Castro.

As artistas visitaron esta mañá o Museo Provincial de Lugo para profundizar no contexto en que se expoñen as obras que inspirarán as súas novas creacións.  O resultado poderá verse a partir do 29 de febreiro nunha mostra colectiva que visibilizará as obras de artistas consagradas xunto a  outras que comezan a súa andaina no mundo artístico, poñendo en valor o traballo das mulleres creadoras.

O proxecto pretende incidir tamén na educación na arte, convertendo o proceso creativo nunha oportunidade para achegar a cidadanía á arte contemporánea. Nese senso, Sergio Marey apuntou que “moita xente rexeita os espazos museísticos porque di non “entender” a arte, por iso un dos principios fundamentais deste proxecto é desenvolver un traballo educativo. Amosar a historia da arte pasada e actual, e ensinar a mirar a arte das creadoras contemporáneas”.

A vertente educativa e divulgativa do proxecto artístico ampliarase con actividades como os obradoiros “Vendo como ver” ou “Vexo, vexo que ves” sobre a linguaxe e as técnicas da arte contemporánea, visitas guiadas e mesa redonda coas artistas “As Mulleres na Arte: retos e dificultades”, que estará moderada por Mónica Alonso.

A deputada de Cultura Iria Castro destacou que “o proxecto dá continuidade ao traballo desenvolvido desde a Rede Museística Provincial por visibilizar e ofrecer espazos  expositivos para mulleres creadoras” e lembrou que “en 2023, os museos provinciais albergaron obras e proxectos de 50 mulleres, 39 delas, artistas plásticas”.

“As 7 e 7”. Notas sobre as artistas participantes

Andrea Otero (Os Prados, 1996)

Romantika feminista / pesimista / artista-plástico-altruísta / xenerosa mimosa medorosa / bicos de mariposa / omnivorosa / desfeita, disaster, ovillo, burato, kt / non me gusta o mate / graduada en belas artes / en Granada estudei un máster / ou ser guapo ou firmar u contrato / busco traballo / coser e cantartodo es empezar / lectora e bo bebedora, mellor escoitadora / d’eixame falar.

Christina Chiarroni (A Coruña, 1993)

Artista visual, directora de arte e xestora cultural graduada e Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde posteriormente estuda o Máster en Dirección de Arte e Publicidade. Asúa producción artística mestura diferentes disciplinas, como a cerámica, tétil, performance ou vídeo, reflexionando sobre o corpo, a infancia, o nomadismo e a linguaxe dixital.

Greta Debelius (Vigo, 1990)

Greta Debelius é ilustradora e tatuadora, porque sendo autónoma non se pode ser só unha cousa. Gústalle debuxar macarradas, pero preferiría non ter que facer nada de nada. Ás veces tamén escribe textos sobre si mesma en terceira persoa.

Noa e Lara Castro Lema (A Coruña, 1998)

Noa e Lara Castro remataron a licenciatura en Belas Artes pola Universidade de Vigo (ES), e un máster en Produción e Investigación en Arte na Universidade de Granada (ES), e actualmente reciben unha bolsa da Fundación María José Jove para estudar Belas Artes na FHNW de Basilea (CH). Ata a data participaron en festivais e laboratorios de creación a nivel autonómico, nacional e internacional. Ademais de ter recibido premios e subvencións, formaron parte de exposicións, iniciativas e proxectos colectivos. Son programadores de Intersection Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo, A Coruña (ES) así como membros do colectivo Grupo subterráneo. Foron xurados en festivais de cine e exposicións comisariadas.

Sabela Eiriz (Lugo, 1991)

Sabela Eiriz é unha artista multidisciplinar, cuxos medios principais son a fotografía, o vídeo e o texto. A través dunha aproximación conceptual, busca implicar ao espectador aplicando unha linguaxe poética e metafórica. O seu traballo, a emoción e a realidade atopanse, o estético e o mundano combinanse, e o tempo e a identidade xogan un papel protagonista. Sabela fala do que coñece e do que vive: o seu traballo responde directamente á contorna que a rodea e basease na experiencia persoal e nas emocións como detonantes ou puntos de partida.

Carmen Quintáns (Oleiros, 1994)

Graduada en Belas Artes (Universidad de Vigo) e Máster Universitario en Investigación en Arte e Creación (Universidad Complutense de Madrid).
Artista multidisciplinar e diseñadora. En 2019 recibe o primer premio de la II Edición Premio Talento Artístico Ahorro Corporación Financiera en Madrid. Participou en diversas exposicións como “¿Qué nos hace humanos? (What makes us humans?)” Sesnon Art” Gallery (CA, US) (2021), “Leña Verde” Museo Etnolóxico, Ribadavia (ES) (2020) ou “Morriña” Banca Ética, Brescia (IT) (2019). Tamén participa en xornadas como o X Encontro de Artistas Novos, EAN10. Cidade da Cultura, Santiago de Compostela (2020) ou a I Jornada Internacional en Arte Sostenible, JIAS (2020). Na actualidade, as súas liñas de investigación centranse na gráfica e a pintura contemporánea; buscando novas miradas cara os paisajes que nos rodean e cos que nos relacionamos; enfocando normalmente e de maneira inevitable o norte de Galiza.

Noa Costas (Nigrán, 1999)

Tomou a decisión de estudar Belas Artes e agora enfróntase ás consecuencias. Está desencantada co sistema académico e con todo; inda así intenta estudar un máster nun sitio moi frío e moi lonxe. Está agobiada, é alérxica a algunhas flores e gosta dos gatiños.