Mostra sobre as costureiras da Ulloa no Pazo de San Marcos.
“Corcosendo. A memoria das costureiras da Ulloa”, ata o 31 de xullo.

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolle a mostra “Corcosendo. A memoria das costureiras da Ulloa”, froito dun proxecto antropolóxico-artístico impulsado polo Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) para recuperar a memoria oral da Ulloa, centrándose no importante papel que o oficio da costura xogou na vida das mulleres da comarca.

Trátase de 30 fotografías de costureiras, intervidas pola artista téxtil Verónica Ramilo, acompañadas por fragmentos textuais elaborados a partir de entrevistas persoais coas protagonistas.   A mostra compleméntase coa videoproxección “As mans núas de quen nos vestiu” de Xabier Mailán.

Na inauguración, que contou cunha performance de Helena Salgueiro e a interpretación do tema “Corcosendo” de Zoelas, a deputada de Cultura (Vicepresidendia Deputación de Lugo) Iria Castro destacou “a mirada das coordinadoras do proxecto, Susana Varela, Patricia Coucheiro, Antía Montes e Sara Coello, que souberon apreciar o valor antropolóxico e cultural da memoria das mulleres da súa contorna e que atinaron a comunicalo e ampliar o seu coñecemento social a través de linguaxes artísticas”.

A responsábel provincial valorou a presentación deste proxecto en Lugo na data en que celebramos o Día Internacional dos Museos, sinalando a sintonía entre o proxecto Corcosendo e a “liña de traballo que se desenvolve desde os museos provinciais, que apostan por seren mediadores entre patrimonio, comunidade e territorio” e “poñer en valor as narrativas e a memoria das persoas na súa diversidade”.

O proxecto inclúe “Arquitecturas da Memoria”, un contido que permite explorar as rúas do centro de Lugo  revivindo a memoria oral da costura, a través dunha aplicación móbil de xeolocalización (Echoes) de descarga gratuíta. As persoas usuarias poden acceder a audios das costureiras da Ulloa que se activan en lugares concretos da cidade, sempre vinculados á evolución dos oficios relacionados coa costura.