O Museo Provincial de Lugo acolle a exposición “Facer Camiño” da Academia Galega de Belas  Artes
Trátase dunha exposición itinerante, composta por 23 obras, de 12  artistas galegos, que xiran en torno ao Camiño de Santiago
Poderá visitarse ata o día 4 de outubro, solicitando cita previa no teléfono 982 24 21 12
O Museo acolle a exposición “Facer Camiño” da Academia Galega de Belas Artes

Este xoves tivo lugar no Museo Provincial de Lugo a inauguración da exposición Facer Camiño, da Real Academia Galega de Belas Artes, coa que colabora a área de Cultura da Deputación de Lugo. Na inauguración estiveron presentes a Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, o Presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, o Director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo e a Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro

Trátase dunha exposición itinerante, composta por 23 obras, de 12 dos artistas galegos actuais máis importantes, todos pertencentes á Academia. As pezas – fotografías, pinturas ou esculturas – xiran en torno ao eixo do Camiño de Santiago, coa finalidade de estreitar os vínculos do mundo cultural e o Camiño. Obras de Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.

Maite Ferreiro destacou a importancia desta exposición “xa que os Camiños de Santiago son fundamentais para entender a construción da nosa cultura”.

Visitas con cita previa

A exposición poderase visitar desde este venres, 18 de setembro, ata o vindeiro 4 de outubro. Como para calquera outra visita aos museos da Rede provincial, será imprescindible solicitar cita previa no teléfono 982 24 21 12 ou a través da dirección electrónica concertampl@gmail.com.

A concertación previa é necesaria para manter o control do aforo e garantir o cumprimento das normas de prevención fronte á Covid 19 establecidas polas autoridades sanitarias.

O horario do Museo Provincial é de luns a venres: de 9:00 a 21:00 h. os sábados: de 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h. e os domingos e festivos: 11 a 14 h; tamén se poderán solicitar visitas acompañadas á exposición nos seguintes horarios: polas mañás: 9:00, 9:30, 10:00, 10:30 e 11:00h; e polas tardes: 16:00, 16:30, 17:00, 17:30 e 18:00h.