Presentación do libro "Cen historias máxicas pola Mariña encantada"

Este mércores, día 24 de marzo, ás 19:00 horas, terá lugar no Claustro do Museo Provincial de Lugo a presentación do libro CEN HISTORIAS MÁXICAS POLA MARIÑA ENCANTADA, de Antonio Reigosa con ilustracións de Neira Brochs acto que contará coa presenza de Maite Ferreiro, vicepresidenta e delegada de Cultura da Deputación de Lugo, Manuel López, editor, Neira Brochs, ilustrador, e Antonio Reigosa, autor.

A asistencia a este acto é libre, ata completar o aforo permitido, pero coa obrigatoriedade de concertar cita previa chamando ao teléfono 982 24 21 12.

CEN HISTORIAS MÁXICAS POLA MARIÑA ENCANTADA

Trátase dunha obra ilustrada, luxosamente editada por Libros Lar de Viveiro e patrocinada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que contén unha antoloxía de encantos, milagres, seres e lugares lendarios localizados nos 15 concellos que conforman a Mariña lucense: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Os textos son da autoría de Antonio Reigosa e as excelentes ilustracións do artista de Viveiro, Neira Brochs.

Contén 100 relatos cunha variedade enorme, tanto de protagonistas do lendario popular —demos, trasnos, nubeiros, bruxas, ánimas, mouras e mouros, encantos e tesouros, serpes, sereas, santos e santas…— como de lugares mariños e terrestres como fontes, montes, covas, rochas, illas, fervenzas e outros elementos naturais singulares.

Tamén están, obviamente, os grandes personaxes míticos ou mitificados das terras mariñás. Desde Pardo de Cela ao Conde Santo, pasando por San Gonzalo, a serea Maruxaina, o rei Cintolo e ata o Gardarríos. E os grandes lugares máxicos como a Serra do Xistral, a Frouxeira, san Estevo do Ermo, a illa Coelleira ou a cova da Doncela, e outros imaxinarios que só existen na nosa fantasía e nos que habitan cidades mergulladas, augas que curan, santuarios abondosos en milagres, cobizados tesouros, pantasmas e un amplo repertorio de fauna féerica.

NORMATIVA COVID APLICABLE

Para acceder ao MPLugo para este acto aplicarase estritamente a normativa xeral e as ‘Normas de concordia a prol da saúde colectiva”. A entrada está suxeita a:

 

-Límite de aforo establecido (30 persoas)

 

-Control de temperatura, identificación e rexistro de datos de contacto (nome e apelidos, mail e nº tfno.)

 

-Concertación: Debe figurar na listaxe de cita previa cos datos requiridos.

 

-Respecto escrupuloso da distancia de seguridade

 

-Aplicación obrigatoria de xel hidroalcohólico.

 

As persoas asistentes deben dirixirse directamente ao lugar do acto (Claustro) e ocupar unha cadeira, quedando prohibido mudala de sitio ou cambiar de asento unha vez se ocupe ata que se abandone o local ou remate o acto.

 

Para a saída do recinto procederase respectando os protocolos de orde e distancia de seguridade establecidos.