‘Sons Creativos’ ofrece tres concertos de electroacústica e arte sonora na Casa do Saber do 20 ao 22 de outubro

A décimo cuarta edición do programa de música electroacústica ‘Sons Creativos’, promovido e coordinado por Inmaculada Cárdenas, xunto con Mónica Álvarez e Efraím Díaz ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, desenvolverase os días 20, 21 e 22 de outubro na Casa do Saber.

Efraím Díaz, David Bellas e Iván Abal abrirán o xoves 20, a partir das 19.00 horas, o menú musical dos 14º Sons Creativos co concerto ‘Arte sonora e tradición’, un programa a través do que o público poderá gozar cos sons da gaita e da gaita de fol, así como do pito pastoril e da zanfona. 

Efraím Díaz aproveitará a primeira parte da sesión para presentar o seu particular paseo sonoro por Galicia ‘Viaxe por kallaikía’, un traballo audiovisual que percorre as catro provincias galegas e dá conta dos sons tradicionais das percusións galegas. De seguido, o músico lugués interpretará ‘Espectro branco’, unha peza na que xunta o pito pastoril coa música ao vivo dunha pedaleira electrónica.

David Bellas dará continuidade a esta xornada sonora coa peza de Steve Reich para gaita e pito ‘Clapping Music’, trala que interpretará as obras sonoras ‘Marcapáxinas’, ‘É rama na maré’ e ‘Viveiro1540 (Miniaturas)’. Xa en compañía de Iván Abal (zanfona), a primeira xornada dos 14º Sons Creativos servirá tamén para a estrea da composición ‘Et suseia’.

O segundo dos tres concertos nos que se estrutura este evento de arte sonora e música electroacústica desenvolverase o venres 21, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber, coa intervención de Mónica Álvarez, Maha Prakitri e José Manuel Vázquez. 

A coordinadora do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), Inmaculada Cárdenas pechará o sábado, ás 20.30 horas, o programa de Sons Creativos co concerto ‘Recreacións’, nunha sesión na que tamén intervirá Juan Antonio Lleó. 

A asistencia a todos os concertos é libre e de balde ata completar aforo.