O «Tradigalu» apoia con éxito a música tradicional e popular en Lugo.
No primeiro semestre do ano desenvolvéronse un cento de actuacións e programáronse outras tantas para os vindeiros meses.
O programa implica un cento de agrupacións tradicionais, bandas e corais e está promovido e financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo – Área de Cultura.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo xestionou no primeiro semestre do ano máis 200 actuacións de grupos de música tradicional, bandas e corais a través do programa Tradigalu, dirixido á promoción da música tradicional e popular.

A metade destas actuacións celebráronse no primeiro semestre do ano e outro centenar están programadas para os vindeiros meses. Con este calendario, definido atendendo ás solicitudes de asociacións e concellos, son preto de sesenta municipios de todas as comarcas os que ao longo do ano contarán con actuacións de Tradigalu en festas, celebracións populares e outras manifestacións festivas da nosa tradición.

A Legua Dereita nunha actuacion en Ponte de Neira. Foto: Gab. Com. Vicepresidencia Deputación Lugo.

A deputada Iria Castro explicou que “con estas máis de 200 actuacións xa realizadas ou programadas, Tradigalu está sendo unha das principais vías de colaboración coas asociacións e colectivos veciñais que dinamizan as parroquias e manteñen as celebracións tradicionais e populares por todo o territorio” e concretou que “o 75 por cento das actuacións foron ou serán en parroquias do rural”.

O programa implica un cento de agrupacións tradicionais, bandas e corais. A área de Cultura financia integramente as actuacións, facilitando a presenza da música tradicional e popular en diferentes eventos festivos e culturais e apoiando a actividade destas formacións que, ademais de contribuír á difusión da música tradicional cos seus repertorios, desenvolven unha importante labor de formación e investigación.

Tradigalu conta este ano cun orzamento de 250.000 euros, 100.000 máis que na pasada anualidade.

Próximas actuacións:

Amigos da Pandeireta de Merenzao
Campos de Vila (Quiroga)
15 de xullo

Os Chafalleiros
Bouzoa (Taboada)
16 de xullo

Banda de Sober
Adá (Chantada)
16 de xullo

O Arco da Vella
Vilamartín Grande (Barreiros)
16 de xullo

Gaitas de Tovar
Santa María Maior (Mondoñedo)
16 de xullo

Banda de Música de Foz
Foz -Festas do Carme
16 de xullo