Primeira edición do "Lugo Music Festival". Entre o 21 e o 28 de agosto, as rúas de Lugo acollerán concertos cunha gran variedade de estilos.

I Campus-Concurso de Dirección Musical e Canto.

O festival acollerá ao mesmo tempo o I campus-concurso de dirección e canto, unha mostra que achegará a Lugo a unha serie de directoras e directores de orquestra e cantantes líricos e modernos, para participar en formacións da man do director da orquestra do Teatro Real, Cristóbal Soler, e da mezzosoprano Lorena Valero.

O campus, na categoría de dirección musical, permitirá ás participantes desenvolver a súas competencias como directores e directoras de agrupacións musicais, mellorando as ferramentas xestuais e técnicas das participantes e mellorando a relación orgánica entre a agrupación e a dirección. Para isto, achegarase formación en eidos como a posición corporal, o tempo, as dinámicas de traballo ou a independencia xestual.

Na categoría de canto, búscase transmitir a importancia do coñecemento propio para sacar o maior proveito á voz das persoas participantes. Organizaranse clases individuais e personalizadas para desenvolver as calidades segundo as necesidades de cada unha das participantes, afondando na preparación de castings, concursos e audicións achegando coñecemento detallado sobre todos os protocolos a seguir.

Cada unha das modalidades do campus escollerá a unha persoa gañadora de distintos premios relacionados coa formación musical. 

Na cateogoría Dirección, a persoa escollida poderá participar como director/a musical asistente nunha das produccións da II Edición do Festival de Ópera Culler Arts, ademais de obter unha bolsa para asistir a unha masterclass de dirección a cargo do CSM de Galiza para o curso 2022-23. 

No Canto Lírico, a gañadora participará nunha das produccións do II Festival de Ópera Culler Arts,e poderán asistir a unha masterclass de dirección a cargo do CSM de Galiza para o curso 2022-23. 

Por último, a gañadora da categoría Canto Moderno poderá participar nun curso do Spai Summer Performance Program do Berklee College of Music no ano 2023. As tres persoas gañadoras recibirán un vale de 500€ para adquirir material musical.

A área de Cultura colabora coa asociación Músico Crisanto na organización das actividades