"Proxecto Lorca" - Grupos de Lugo poñen música aos poemas galegos de Lorca

O Proxecto Lorca, unha iniciativa promovida pola Área de Cultura da Deputación de Lugo e a Área de Cultura da USC no Campus de Lugo en lembranza da primeira visita realizada por García Lorca a Galicia en 1916, unha viaxe á que se sucederían outras visitas do poeta e dramaturgo granadino ata o seu pasamento en 1936, botará a andar este xoves 19 de novembro, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber. O relatorio ‘Os poemas galegos de Lorca: entre Lugo e Compostela’, a cargo de Henrique Alvarellos, editor, escritor e autor de Federico García Lorca en Santiago de Compostela (2020), servirá de punto de partida, un século despois, das viaxes de Lorca a Galicia

Estas xornadas arredor da figura e da pegada que deixou García Lorca en Galicia, tanto a través da súa escrita como tamén da súa vida cultural do primeiro terzo do século XX, continuarán o venres 20 coa celebración, tamén na Casa do Saber, da sesión intercultural ‘A universalidade da obra de Federico García Lorca dende unha óptica interdisciplinar: un diálogo entre a música, a literatura e os debuxos’.

Esta segunda sesión do Proxecto Lorca, un acto que comezará ás 20.30 horas, aínda que tamén se poderá seguir por streaming, contará como participantes co músico Samuel Diz e co poeta e especialista en García Lorca Mario Hernández. Así, o primeiro interpretará composicións axudado dunha copia facsímil da guitarra de Federico García Lorca, acompañado das explicacións e aclaracións que fará Hernández sobre a obra artísica
deste integrante da Xeneración do 27. 

Como colofón do Proxecto Lorca, os promotores desta iniciativa presentarán o 18 de decembro, ás 20.30 horas, na Casa do Saber, o resultado da musicalización de cinco dos poemas galegos de Lorca, un traballo realizado por outros tantos músicas ou formacións musicais luguesas. Cómpre lembrar neste senso, que o sexto dos poemas que García Lorca escribiu en lingua galega, o titulado ‘Madrigal á cidade de Santiago), xa foi musicado para a USC en 2015 por Carlos Díaz.

Daquela, na sesión programada para o 18 de decembro, o público que se dea cita na Casa do Saber, poderá gozar do resultado do traballo de musicalización desenvolvido por Noelia Geada e David Taboada co poema ‘Cantiga do neno da tenda’, versos dedicados a Ernesto Pérez Guerra que falan do sentimiento dos emigrante. Outro dos poemas musicados é ‘Danza da lúa en Santiago’, a cuxa letra o grupo Nebra engadiu as melodías propias do seu proxecto, inspirado na música tradicional galega.

A banda de rock indie alternativo Infrarroja, unha formación nada en Lugo en 2017, poñerá música ao poema ‘Romance da Nosa Señora da Barca’, nun evento no que tamén se poderá gozar do resultado da letra de ‘Nouturno do adolescente morto’ con música de Quique Muruáis e Luis Monsalve, así como do poema ‘Canción de cuna para Rosalía de Castro, morta’, musicado polo dúo Condensadores de Fluzo, integrado por Luis (Bedu) Pérez e Miguel Bello.

ENTRADAS

As persoas interesadas en acudir como público a cada un dos eventos nos que se estrutura o Proxecto Lorca deberán solicitar de balde e con antelación o convite a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es