Desde este martes 29 xa podes ver na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo, a mostra do VIII edición do PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA, premio patrocinado pola Consellería de Cultura de Galicia da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co apoio da Rede Museística Provincial de Lugo.

Esta exposición recolle o traballo da fotógrafa portuguesa Patrícia Barbosa, gañadora desta edición do premio, con ‘Proff’, unha investigación sobre a relación fotográfica de Portugal co seu pasado colonial.

Na inauguración participaron Anxo M. Lorenzo -secretario xeral de Cultura- , Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo; Vitor Nieves – organización – , Encarna Lago, xerente da Rede Museística e membro do xurado, así como tamén a propia artista gañadora.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a calidade creativa así como o intenso traballo de investigación levado a cabo por Patricia Barbosa e que se plasma no conxunto de fotografías desta mostra. A través de álbums fotográficos, documentos e entrevistas a artista portuguesa aborda o pasado colonial do seu país de orixe.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea foi creado co obxectivo de promover e incentivar a creación fotográfica aberta tanto a autores nacionais como estranxeiros. O premio leva aparellado tamén a edición dun libro editado por Difusora de Letras Artes e Ideas, para distribuír en librerías.