Cartel do Arde Lucus 2024.
O Executivo de Paula Alvarellos homenaxea a figura de Guiti elixindo un deseño seu como cartel. 
O arquitecto e socio-fundador da asociación Pax Romana tiña preparado unha ilustración para participar no concurso de carteis, que finalmente foi o seleccionado a proposta dos colectivos de recreación histórica da cidade.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o edil de Xuventude, Jorge Bustos presentaron este luns o cartel anunciador do Arde Lvcvs 2024.

Trátase dun deseño elaborado por Manuel López Guitiar, coñecido popularmente como Guiti, Manivs Rvtilivs Cithara dentro do mundo da recreación histórica e en concreto do Arde Lucus. “Coa selección deste cartel queremos homenaxear a súa figura e o seu labor e contribución á festa de recreación histórica da cidade”, sinalou Alvarellos quen compareceu acompañada pola familia do autor.

Neste senso, a rexedora destacou que “dende os inicios da cita Guiti sempre participou activamente na mesma, como socio-fundador da asociación Pax Romana, e buscando sempre novidades que aportar á recreación”. 

“A súa habilidade e paixón polo dibuxo fixo que a súa aportación na festa como escribano sexa intanxible”, explicou. “Froito desta paixón tiña preparado un deseño para participar no concurso de carteis da vindeira edición do Arde Lvcvs. 

O seu finamento no pasado mes de decembro fixo que todas as asociacións nos propuxesen que ese fora o cartel anunciador das festas deste ano 2024, proposta que acollemos con gran emoción”, desvelou a alcaldesa.

“Honestamente, creo que a elección non podía ser máis acertada. Cando un vota unha ollada a esta ilustración pode experiemntar unha viaxe no tempo. Unha viaxe que nos permite mergullarnos na orixe da nosa urbe,e iso é en esencia o significado do Arde Lucus”, asegoru Alvarellos Fondo.

Pola súa banda, Ana Cortón, muller de Guiti, agradeceu aos colectivos de recreación histórica do Arde Lvcvs  a súa proposta e  mostrou o seu agradecemento coa rexedora e o edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, pola súa aposta por este deseño.  

O concelleiro informou de que o Goberno local está culminando o deseño dos festexos e traballa en incrementar a colaboración público-privada da XXIII edición do Arde Lvcvs que se celebrará do 13 ao 16 do próximo mes de xuño.

Ademais convidou a todas as persoas doutras cidades e vilas a gozar cos e coas lucenses da transformación que experimenta o municipio que, con fidelidade, “retrocede no tempo para pór en valor o legado cultural e histórico que posuímos”.

En total, son 19 asociacións as que forman parte da organización dos festexos e que aglutinan a preto dun millar de socios e socias: Ara Roma; Asamblearias Lucus Augusti; Caetra Lucensium; Civitas Lucensis; Clan de Breogán; Cohors III Lucensium; Guardia Pretoriana; Kertix; Lucus Equites; Lucus Icenas Miliatore; Lugdunum; Mercenarios Galaicos; Pax Romana; Salesiani Luci Augusti; Senatus Lucus Augusti; Terra Copora; Tir Na n’Og; Trebas Galaicas; Vestales Lucus Augusti.