A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e un representante do colectivo Caladiños, Adrián Fernández, presentaron o ciclo de charlas Achegando a Ciencia ao Vello Cárcere, que busca aproximar a ciencia e as principais teorías científicas á cidadanía dun xeito sinxelo e amable.
Cada charla é independente. Deste xeito, calquera cidadá poderá asistir á charla sobre a teoría que máis lle chame a atención, independentemente de ter acudido a algunha das anteriores charlas. O ciclo constará de 5 charlas, tocando todos os eidos das ciencias fundamentais.
Os poñentes serán científicos recoñecidos internacionalmente e que teñen habilidades relacionadas coa divulgación científica, asegurando deste xeito que a charla sexa amena e totalmente accesible a calquera cidadá que non teña nin o máis mínimo coñecemento científico.
A primeira das conferencias é este xoves, 14 de decembro, a partir das 20:30 horas no Salón de Actos do Vello Cárcere. Baixo o título de As razóns da diversidade falarase sobre a xenética e as súas aplicacións tales como a loita contra as enfermidades. Será a cargo do catedrático de mediciña Ángel Carracedo.
En xaneiro, José Daniel Edelstein falará sobre a relatividade xeral de Einstein, coa conferencia O discreto oleaxe do cosmos.
En marzo será a quenda de María Elena Vázquez, que centrará a conferencia nas matemáticas, base de todo coñecemento científico, e aproveitando que se celebra o Día Internacional da Muller, tratará o papel da muller na ciencia.
Elena González será a encargada de impartir a charla O estrambótico mundo cuántico en abril, versando na física cuántica, na que presentará un mundo que parece escapar ao entendemento humán.
Pecha a conferencia Xurxo Mariña, con Unha viaxe á maquina da mente, sobre a neurociencia, onde se indagará o cerebro, a súa estrutura e as súas funcións.
Previsiblemente, no mes de xuño terá lugar unha mesa redonda na que se debaterá sobre a conciencia, un dos temas máis difíciles de abordar dende a perspectiva científica.